02 set 2014

Os viaxeiros nos establecementos regrados de Galicia medraron un 5,9% o pasado mes de xullo, acadando un máximo histórico para un ano non Xacobeo

Tamén subiron as pernoitas nun 3,8%, contabilizándose 1.287.501 durmidas no conxunto da comunidade autónoma.

O segmento do turismo rural presenta neste sétimo mes do ano o mellor comportamento en termos relativos do conxunto da oferta regrada.

No que vai de ano, o turismo internacional acada un máximo histórico, tanto en volumes -con preto de 555.000 viaxeiros e 920.000 pernoitas- como en peso no conxunto da demanda, que representa o 27,0% dos viaxeiros e o 22,1% das pernoitas totais.

Polo que respecta ao gasto turístico internacional, segundo os datos da enquisa EGATUR, medrou en xullo de 2014 un 9,7%.
 

Galicia rexistrou no mes de xullo un incremento dun 5,9% do volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados da comunidade en relación ao mesmo mes do ano anterior, acadando un máximo histórico para un ano non xacobeo, cun total de 551.288 persoas aloxadas. Tamén medraron as pernoitas nun 3,8%, ao contabilizarse 1.287.501 durmidas no conxunto da comunidade autónoma.

Este comportamento positivo da demanda regrada deste mes de xullo engádese aos datos rexistrados no pasado ano 2013, cando a cifra de viaxeiros subía nun 8,8% e as pernoitas en preto do 3%.

No ámbito estatal obsérvase unha suba no volume de viaxeiros aloxados nun 2%. En termos de viaxeiros aloxados, Galicia sitúase no grupo das comunidades con maior intensidade de crecemento en relación ao pasado ano, só por detrás de Madrid e Canarias.

O incremento da demanda prodúcese polo bo comportamento do turismo nacional e internacional. O mercado nacional sobe un 2,6% mentres que o internacional medra nun 9,7%, porcentaxes referidas ás pernoitas.

Ambos segmentos de mercado presentan resultados positivos en todas as tipoloxías de aloxamento se ben os crecementos son máis intensos nas modalidades extrahoteleiras. O turismo nacional sobe un 1,6% nos aloxamentos hoteleiros mentres que nos extrahoteleiros o incremento sitúase no 4,8%. O internacional presenta tamén resultados positivos, con crecementos do 9,5% no segmento hoteleiro e do 10,7% no extrahoteleiro.

Turismo internacional
O turismo internacional acada neste ano máximos históricos en Galicia no mes de xullo tanto en termos de volume, con preto de 138.000 viaxeiros e 243.000 pernoitas, como de peso no conxunto da demanda, xa que representa o 25,0% dos viaxeiros aloxados e o 18,8% das pernoitas neste sétimo mes do ano.

En xullo o 72,3% da demanda turística regrada corresponde aos establecementos hoteleiros porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis, que representan o 57,7%, como ás pensións, co 14,6% neste caso. O 27,7% restante, en cambio, sitúase no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos, que representan o 4,4% da demanda total, aos cámpings, co 19,5%, e aos establecementos de turismo rural, que supoñen o 3,8% neste caso.

A mellora dos niveis de pernoitas turísticas neste mes de xullo é xeneralizada e afecta a practicamente todas as tipoloxías de aloxamento consideradas.

No segmento hoteleiro o incremento sitúase no 3,2% -porcentaxe que sobe ao 9,9% no caso das pensións- mentres que no extrahoteleiro a mellora é do 5,6%.

Os apartamentos turísticos e os establecementos de turismo rural rexistran crecementos máis acusados e notables, do 20,1% e 26,2% respectivamente- e os cámpings manteñen estables os niveis do pasado ano.

Similar comportamento se observa en relación á cifra de viaxeiros aloxados. Sobe en case todas as modalidades de aloxamento, onde destaca o incremento do 28,1% dos viaxeiros aloxados nos establecementos de turismo rural.

En termos de ocupación obsérvase que nos hoteis e nas pensións a ocupación mellora nun punto porcentual mentres que nos apartamentos turísticos e nos cámpings o crecemento supera os catro puntos porcentuais.

Ano 2014
Nos primeiros sete meses deste ano 2014, Galicia rexistra unha importante mellora dos seus niveis de demanda turística correspondente aos aloxamentos regrados, cun incremento do 5,6% no relativo ao volume de viaxeiros aloxados, con 2.064.172 viaxeiros, e do 4 % no que atinxe ás pernoitas, con 4,15 millóns neste período.

O turismo internacional presenta tamén un comportamento positivo superando nun 8,0% o volume de pernoitas do pasado ano. Así, a cifra de viaxeiros estranxeiros aloxados sobe neste caso un 12,9%.

Esta mellora supón que o mercado internacional acada no que vai de ano un máximo histórico, tanto de volumes, con preto de 555.000 viaxeiros e 920.000 pernoitas, como de peso no conxunto da demanda que representa o 27,0% dos viaxeiros e o 22,1% das pernoitas totais.

O incremento da demanda prodúcese en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas. No segmento hoteleiro o crecemento sitúase no 3,1% mentres que no extrahoteleiro a suba ascende ao 9,1%, mentres que en turismo rural rexístrase o incremento de maior intensidade cun 27% en relación ao pasado ano.

Gasto turístico
Polo que respecta ao gasto turístico rexistrado na enquisa EGATUR, realizada polo Instituto de Estudios Turísticos, o gasto total do turismo internacional no mes de xullo ascendeu ata os 101.497.636 euros, un 9,7% máis que en xullo do 2013.

No acumulado do ano ata o mes de xullo, o gasto total do turismo internacional foi de 455.661.355 euros, o que supuxo un incremento do 17,8% con respecto ao mesmo período do pasado año.

Peregrinos
Por último, dende o 1 de xaneiro de 2014 ata o 29 de agosto chegaron a Santiago un total de 169.559 peregrinos. Deles, o 49,95% son estranxeiros e o 50,05% son españois.

No que vai de ano, recolleron a Compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago 14.690 peregrinos máis que os que o fixeron no mesmo período do ano pasado, o que supón un incremento do 9,49%.

Arriba