Turismo de Galicia realizará a primeira guía online de restaurantes Soles Repsol de Galicia 2014
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, anunciou que se está a elaborar a primeira guía online de restaurantes Soles Repsol de Galicia 2014 co fin de potenciar a excelencia da gastronomía galega.
Esta publicación online estará dispoñible a finais deste mes e descargarase gratuitamente dende a páxina web de Turismo de Galicia.
Na presentación que contou coa presenza do presidente da Real Academia de Gastronomía, Rafael Ansón, a directora destacou a gastronomía como unha das fortalezas e vantaxes competitivas da nosa Comunidade fronte a outros destinos.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente da Real Academia de Gastronomía, Rafael Ansón, presentaron a primeira guía online de restaurantes Soles Repsol de Galicia que será publicada a finais deste mes. Durante a presentación, a directora de Turismo de Galicia explicou que o Plan Integral de Turismo de Galicia identifica a gastronomía do destino como unha das súas fortalezas e a variedade e calidade dos produtos enogastronómicos como elementos que constitúen vantaxes competitivas e diferenciais respecto doutros destinos.
Esta guía, elaborada por Turismo de Galicia co fin de potenciar a excelencia da gastronomía da Comunidade, promoverá os restaurantes e cociñeiros galegos que celebran o recoñecemento do seu talento cos Soles Repsol e con ela dotarase de maior difusión ás fortalezas que alberga a boa cociña galega. Esta publicación online estará dispoñible a finais deste mes e descargarase gratuitamente dende a páxina web de Turismo de Galicia.
Os textos e entrevistas dos propios xefes de cociña irán acompañados de imaxes tanto dos propios manxares coma dos xefes de cociña que os elaboran e os restaurantes onde se poden degustar. A iso sumaranse datos básicos dos propios establecementos como as coordenadas ou os enclaves turísticos que se poden coñecer nos seus arredores. As paisaxes, a natureza, a costa ou o patrimonio son recursos que aumentan o valor engadido de gozar do sabor xenuíno da cociña galega e por iso é esencial que tamén teñan o seu espazo nesta guía.
A súa realización é posible grazas ao Plan de Promoción de Alimentos de Galicia na Gastronomía Galega que leva a cabo Turismo de Galicia conxuntamente coa Consellería de Medio Rural e do Mar e a Real Academia de Gastronomía a través dun convenio de colaboración. Este plan establece diferentes liñas de acción orientadas á promoción, á organización de xornadas e actividades formativas e á difusión da oferta culinaria do destino Galicia. O obxecto é dar a coñecer aos cidadáns a oferta gastronómica da Comunidade galega e esta guía contribuirá a iso.
Os Soles Repsol son outorgados pola Asociación de Amigos da Real Academia de Gastronomía e a Cofradía de la Buena Mesa. Con eles autentícase a excelencia culinaria, a calidade da materia prima e a súa execución, o respecto pola cociña da rexión, a súa carta de viños e o servizo de mesa e sala. En definitiva, recoñécense todas as calidades dun restaurante que inciden positivamente na experiencia do viaxeiro.
A gastronomía, unha das grandes fortalezas de Galicia
"A gastronomía converte a estancia do viaxeiro nunha experiencia turística completa que só se pode vivir aquí, en Galicia", sinalou Nava Castro durante a presentación.
Galicia conta coa maior variedade de froitos do mar do mundo e é o primeiro produtor e consumidor español de peixe. Ademais posúe máis de trinta produtos recoñecidos como produtos galegos de calidade. Isto unido ao labor de todos os mariñeiros, agricultores e gandeiros galegos fai que os produtos sexan de primeira calidade.
Son moitos os restaurantes galegos que foron galardoados con diferentes distintivos tanto a nivel nacional como internacional. En Galicia localízanse máis de 50 restaurantes certificados coa Q de Calidade Turística aos que hai que engadir os 11 que obtiveron o prestixioso recoñecemento de Estrela Michelin e as 29 distincións Soles Repsol.
Por isto, a gastronomía converteuse nun dos principais atractivos do noso destino e un potente elemento de fidelización. Concretamente é a segunda motivación, tras a natureza, pola que os turistas nos elixen como destino.