11 set 2014

Nava Castro visita as obras de acondicionamento do camiño Fisterra-Muxía ao seu paso polo municipio de Ames

A directora de Turismo de Galicia xunto coa delegada territorial do Goberno galego na provincia e o xerente do Xacobeo supervisaron os traballos de acondicionamento que se están a acometer nun tramo do Camiño da Ruta Fisterra-Muxía no municipio de Ames.

A Administración autonómica realiza grandes esforzos en conservar e protexer as rutas xacobeas, facendo labores de mantemento, medidas correctoras e acondicionamento dos diversos tramos do Camiño.

O Camiño de Fisterra-Muxía é unha ruta captadora de turismo internacional que posiciona Galicia como marca e como destino diferencial.
 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto coa delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, supervisaron os traballos de acondicionamento que se están a acometer no tramo do Camiño da Ruta que une Fisterra e Muxía ao seu paso polo municipio de Ames, onde estiveron acompañados polo alcalde de Ames, Santiago Amor. As obras promovidas por Turismo de Galicia, buscan mellorar parte do Camiño para facelo máis transitable, e eliminar os puntos de difícil paso xerados especialmente polo paso da auga e polo uso dos camiños por maquinaria pesada.

A directora de Turismo de Galicia explicou que a administración autonómica realiza grandes esforzos en conservar e protexer as rutas xacobeas, facendo labores de mantemento, medidas correctoras e acondicionamento dos diversos tramos do Camiño. Cada ruta do Camiño ten as súas peculiaridades singulares non só paisaxísticas senón tamén orográficas, de trazado polo que é preciso adaptar as actuacións de acondicionamento destas ás súas peculiares características. Durante a visita, Nava Castro destacou que as obras realízanse respectando sempre as condicións do camiño coma o seu ancho ou os valos tradicionais.

Segundo sinalou a directora de Turismo de Galicia, en 2013 xa foron realizadas intervencións urxentes nesta ruta Fisterra-Muxía por un importe superior aos 100.000 euros en diversos tramos dos concellos de Santiago, Negreira, Dumbría e no tramo entre Fisterra e Muxía en torno ao núcleo de Canosa e dende Buxán a San Salvador.

Así mesmo, en 2014 neste mesmo camiño redactáronse valoracións para reparación de tramos por valor superior aos 300.000 euros nos concellos de Santiago, Ames, Negreira, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión e Muxía, que xa foron contratados e están en execución a excepción das obras de Dumbría que están en proceso de adxudicación. En concreto, este treito do municipio de Ames conta cun presuposto de 23.753,13 euros.

A todo iso hai que engadir o contrato de servizo de roza e limpeza do Camiño en Galicia por un importe de 200.000 euros.

Ademais, a Xunta de Galicia realiza constantes inspeccións co fin de revisar o mantemento e conservación do trazado da Ruta. Ademais tamén se inspecciona a sinalización co mantemento da propia sinalización permanente que “no caso da ruta Fisterra-Muxía abrangue a 421 marcos e 187 placas cerámicas e nos lugares con deficiencias ou dificultades sinalízanse con frechas amarelas”, explicou a directora de Turismo.

Unha ruta captadora de turismo internacional

Nava Castro resaltou que a finalidade última desta iniciativa promovida por Turismo é potenciar a ruta Fisterra–Muxía, que hoxe xa constitúe un punto de chegada de miles de peregrinos que, tras visitar a tumba do Apóstolo, deciden camiñar ata a Costa da Morte seguindo a tradición xacobea da Fisterra galega. No que vai de ano, Santiago recibiu 184.434 peregrinos, o que supón 16.307 peregrinos máis que o pasado ano, un aumento do 9,70%. Pola súa parte, a ruta de Fisterra-Muxía cara a Santiago realizárona 531 peregrinos, un 37,56% máis que o pasado ano.

A ruta Fisterra-Muxía ten unha simboloxía especial pois é a única que ten a súa orixe na cidade de Santiago de Compostela e percorre o Camiño ata a punta occidental da Europa Continental. As metas son o cabo de Fisterra e o santuario da Barca a 89 e 87 quilómetros, respectivamente de Compostela.

“O Camiño de Fisterra-Muxía é un elemento que mostra a nosa cultura e natureza a todos aqueles peregrinos procedentes de diferentes lugares do mundo. É unha ruta captadora de turismo internacional que posiciona Galicia como marca e como destino diferencial”, sinalou a directora de Turismo de Galicia.

 

Arriba