A Xunta inicia a tramitación do Plan de conservación do monumento natural Praia das Catedrais
O documento presentadono Consello é o punto de partida dun instrumento.
de planificación básico sobre o lugar, cunha normativa de usos e un programa de actuacións destinado a preservar os seus valores ambientais e paisaxísticos.
O obxectivo da Xunta é garantir que se compatibiliza a protección do espazo protexido co seu uso público e desfrute por parte da poboación
O proxecto parte dun rigoroso diagnóstico da situación actual do monumento natural que permitiu avaliar a ameaza que a presión turística e as especies invasoras constitúen para o mantemento do equilibrio ecolóxico do espazo.
Establécese a necesidade de regular os accesos durante a Semana Santa e o período estival cun límite de entre 2.000 e 5.000 visitantes diarios.
O obxectivo do Goberno galego é que o Plan de conservación sexa aprobado definitivamente antes do verán de 2015.
O Consello da Xunta deulle luz verde ao documento de inicio do Plan de
conservación do monumento natural da praia das Catedrais, que inicia desta maneira a súa tramitación. O documento validado é o punto de partida para a aprobación dun instrumento de planificación básico do lugar, cunha normativa de usos e un programa de actuacións destinado a preservar os seus valores ambientais e paisaxísticos.
A singularidade xeomorfolóxica e paisaxística da praia das Catedrais, así como a presenza de hábitats prioritarios, motivou a aprobación do Decreto 11/2005, do 20 de xaneiro, polo que se declaraba monumento natural. Co inicio da tramitación deste Plan de conservación, a Xunta de Galicia reafirma a súa intención de compatibilizar a protección dos espazos protexidos co seu uso público e desfrute por parte da poboación.
Por isto, xa no Consello da Xunta do pasado 10 de xullo, informouse sobre o Plan de actuación para abordar a situación pola que está a pasar este espazo natural e no que o executivo autonómico investirá 160.000 euros. Así, de maneira inmediata, leváronse a cabo accións de acondicionamento desta área e, pensando no medio e longo prazo, comezouse a preparar o Plan de conservación.
O documento preliminar do Plan de conservación da praia das Catedrais parte dun rigoroso diagnóstico da situación actual do espazo, tanto no ámbito ambiental como socioeconómico, e identifica os principais riscos e ameazas que afectan o ámbito. Ese estudo fixo posible avaliar con exactitude a ameaza que a presión turística e as especies invasoras constitúen para o mantemento do equilibrio ecolóxico do monumento natural.
Así mesmo, identifícanse unha serie de especies clave para a conservación do espazo, a matogueira costeira e a especie Limoniun dodartii, identificada como "en perigo de extinción" no Catálogo galego de especies ameazadas.
Tendo en conta iso, e de acordo coa normativa comunitaria, estatal e autonómica, nomeadamente do Plan director da Rede Natura 2000, o Plan de conservación do monumento natural praia das Catedrais establece o réxime de usos permisibles no lugar, así como as limitacións necesarias para a conservación dos valores ambientais que motivaron a súa declaración como espazo protexido. Deste xeito, preténdese pór
en valor a riqueza da área e preservala fronte aos riscos que comprometen a súa conservación.
Obxectivos do Plan
O propósito xeral do Plan de conservación do monumento natural da praia das Catedrais é o mantemento, ou restablecemento, nun estado de conservación favorable, dos seus valores ambientais e paisaxísticos. Para a consecución desta meta xeral, o documento preliminar presentado hoxe no Consello prevé os seguintes obxectivos
específicos:
• Avanzar no coñecemento dos valores que se deben protexer, así como dos riscos e ameazas para a conservación do ámbito.
• Garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e das especies de fauna e flora silvestres, ao tempo que se teñen en conta as esixencias económicas, sociais, culturais e rexionais do monumento natural e a súa contorna.
• Promover un uso público ordenado e compatible coa conservación dos valores ambientais que motivaron a declaración do monumento natural. Isto implica a regulación e control de acceso ao monumento natural, a mellora das infraestruturas e servizos existentes e o seguimento do nivel cumprimento da normativa de uso público.
• Promover a implicación social na conservación do monumento natural da praia das Catedrais e a divulgación dos valores naturais, xeolóxicos, culturais e paisaxísticos do espazo.
De acordo con estes obxectivos, o documento preliminar do Plan de conservación propón un programa de actuacións, entre as que destacan a promoción de liñas de investigación para a mellora do coñecemento e inventario de hábitats naturais e das especies de flora e fauna silvestre; un protocolo de seguimento e erradicación das especies invasoras; un programa de conservación da matogueira costeira; a mellora das infraestruturas e servizos existentes e o regulamento do acceso público.
Regulación do acceso público.
Este último punto constitúe unha das grandes novidades deste plan, xa que se inclúe unha proposta de regulación do acceso público ao monumento natural en períodos de máxima afluencia (Semana Santa e entre o 15 de xuño ao 15 de setembro), nos que será preciso dispor de autorización da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, quen habilitará o procedemento de tramitación por vía telemática. En función dos cálculos previos de capacidade de acollida do espazo, estímase que o límite máximo que se estableza no documento definitivo debe estar entre os 2.000 e os 5.000 visitantes diarios. Con esta medida preténdese, non só garantir a conservación do monumento natural, senón tamén evitar a estacionalidade da afluencia turística e mellorar as condicións de uso público no espazo.
Exposición pública para enriquecer o proxecto
Tras a presentación hoxe no Consello, a iniciativa abre o período de exposición pública e será publicada mañá na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. O Goberno galego agarda que este proceso conte cun alto grao de participación e deste xeito sexa posible incorporar ao proxecto achegas que contribúan
a enriquecelo e melloralo.
O obxectivo da Xunta é que o Plan de conservación sexa aprobado definitivamente antes do verán de 2015.
A normativa establecida no plan cando este sexa aprobado definitivamente será vinculante, tanto para as administracións públicas como para os particulares, prevalecendo sobre o planeamento urbanístico e os instrumentos de ordenación territorial ou física. Ademais, o programa de actuacións deberá someterse a revisión cando se produza unha alteración das condicións ambientais que o motivaron ou, en todo caso, transcorridos 10 anos desde a súa aprobación definitiva.