13 out 2014

Nava Castro presenta en Santiago a ‘Guía de soles Repsol en Galicia’

Nesta publicación inclúense 24 establecementos seleccionados pola Asociación de amigos da Real Academia de Gastronomía e a Confraría da boa mesa.

A edición desta guía é on line e estará aloxada na web de Turismo de Galicia.

Presentación da Guía soles Repsol de Galicia en Santiago.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou onte en Santiago, xunto ao presidente da Real Academia de Gastronomía, Rafael Ansón, e a presidenta de Paradores, Ángeles Alarcó, a primeira edición da ‘Guía de soles Repsol en Galicia’ que recolle os 24 establecementos galegos distinguidos con este selo outorgado pola Real Academia de Gastronomía e a Confraría da boa mesa.

Nava Castro salientou a importancia dos distintivos soles Repsol, xa que son dos “máis recoñecidos no eido gastronómico entre os españois e os estranxeiros que nos visitan”, tanto polo público xeral como polos especialistas en gastronomía, engadiu.

Para a directora de Turismo de Galicia, esta guía constitúe un elemento fundamental da promoción da gastronomía galega e considerou imprescindible para a súa difusión o aloxamento no portal turístico da comunidade galega, que nos oito primeiros meses do ano recibiu máis dun millón de visitantes únicos.

Produto turístico

Na súa intervención, Nava Castro lembrou que a gastronomía é un dos principais atractivos turísticos de Galicia, cuxa importancia se pon de manifesto na gran calidade e variedade dos seus produtos.

Segundo engadiu a directora de Turismo de Galicia, na actualidade, “as cociñeiras e cociñeiros galegos aproveitan toda esta materia prima e o coñecemento que achega a sabedoría popular para elaborar pratos onde se combina a tradición culinaria que se foi adquirindo de xeración en xeración durante décadas, con novas incorporacións que outorgan diferenciación e valor engadido ao feito de degustar un prato elaborado na nosa comunidade”.

Así, Galicia é “boa mesa e bos viños”, manifestou Nava Castro, quen lembrou que son varios os restaurantes galardoados na comunidade galega con distintivos tanto no ámbito nacional como no internacional.

Deste xeito, afirmou que en Galicia se localizan máis de 50 restaurantes co Q de Calidade turística aos que hai que engadir 11 que obtiveron o prestixioso recoñecemento de estrela michelin, aos que hai que engadir os que conta co recoñecemento sol Repsol.

Estrutura da publicación

Durante a presentación da ‘Guía de soles Repsol en Galicia’ a directora de Turismo de Galicia referiuse á estrutura da publicación, que se inserirá na web de Turismo de Galicia nas linguas galega, castelá e inglesa.

Así, esta guía dedica unha reportaxe de dúas páxinas a cada un dos 24 establecementos referenciados, que inclúen cinco apartados: ‘Con mome propio’, ‘Nos fogóns’, ‘Oído cociña’, ‘Como na casa’ e ‘Na sobremesa’.

No primeiro apartado figura unha breve descrición do xefe de cociña de cada local. ‘Nos fogóns’, refire información dos produtos e a filosofía da cociña de cada establecementos, mentres que ‘Oído cociña’, fala das técnicas persoais de cada xefe de cociña.

Por último, os apartados ‘Como na casa’ e ‘Na sobremesa’ refírense ás características propias de cada establecemento e ás posibilidades turísticas da contorna de cada local gastronómico, respectivamente.

Arriba