O retorno económico de La Vuelta ao seu paso por Galicia foi de 4.283.487 euros
La Vuelta consolídase como o mellor escaparate deportivo, cultural, económico e de promoción turística de Galicia.
A directora de Turismo de Galicia e o director de La Vuelta presentaron o balance do paso de La Vuelta ciclista 2014 por Galicia
Javier Guillén asegurou que “Galicia converteuse nunha auténtica necesidade para La Vuelta ciclista”.
Dos 4.283.487€ de retorno, mais de 2 millóns de euros proveñen da repercusión mediática e os máis de 1,7 millóns de euros restantes veñen do retorno do investimento directo.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co director da Vuelta, Javier Guillén, presentaron o balance do paso de La Vuelta ciclista 2014 por Galicia.
Nesta edición número 69 de La Vuelta, Galicia tivo, unha vez máis, un lugar destacado neste “gran acontecemento deportivo que conxuga a competición coa promoción turística por onde discorre”, tal e como sinalou Nava Castro durante a presentación.
A directora de Turismo de Galicia, explicou que esta edición foi todo unha homenaxe ao espírito de meta de peregrinacións. “O remate de La Vuelta ciclista mesturouse co final do Camiño de Santiago, converténdose así noutro momento histórico ao igual que o foi o sorprendente comezo dende unha batea o pasado ano”, afirmou Nava Castro.
Así mesmo, a directora galega de Turismo destacou que a última vez que a Volta finalizara noutra localidade distinta á capital española fora no Ano Santo Xacobeo do 93 caso no que tamén Santiago tivo o privilexio de ser a cidade elixida. Este ano con motivo da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago que Galicia celebra dende mediados de 2013 a mediados de 2015, La Vuelta volveu estar intrinsecamente vinculada a Galicia e ao Camiño de Santiago.
O director de La Vuelta, Javier Guillén, asegurou que “Galicia converteuse nunha auténtica necesidade para La Vuelta ciclista”. Neste senso, afirmou que, “La Vuelta é máis forte e potente dende que pasa por Galicia”. A nivel deportivo, Javier Guillén engadiu que a nosa Comunidade é un territorio perfecto para o ciclismo.
Repercusión mediática e retorno económico
Tanto na saída coma durante a carreira ou na meta de cada unha das etapa houbo un nivel de asistencia de público masivo, rexistrándose 2.100.000 espectadores in situ.
Aos espectadores que se acercaron ata os lugares por onde pasou a volta hai que engadir o gran número de seguidores a través das pantallas de varios países do mundo, xa que a cobertura internacional alcanzou os 190 países dos cinco continentes. Neste senso, Nava Castro destacou que “La Vuelta foi unha oportunidade para continuar coa traxectoria de internacionalización do noso destino, constituíu unha carta de presentación da nosa oferta turística a nivel internacional”.
A nivel nacional, La Vuelta tamén tivo unha presenza continuada na televisión con mais de 8 horas de difusión diarias. No que respecta ás etapas que transcorreron por Galicia, a cota media de pantalla foi do 14,3% e a audiencia media de máis de 1,6 millóns, un 11,3% máis que no total da audiencia de La Vuelta.
En canto á plataforma dixital, La Vuelta tamén xerou máis de 13 millóns de visitantes únicos, un incremento do 142% con respecto ao pasado ano, e realizáronse 62 mil descargas. Ademais acadáronse os 120 mil fans en Facebook, 117 mil seguidores en Twitter e 331 mil vídeos vistos en Youtube.
As etapas galegas produciron máis de 4.500 noticias na web, preto de 2 mil artigos en prensa, e 186 repercusións en radio e outras tantas na televisión. A directora de Turismo de Galicia destacou, durante a rolda de prensa, as portadas do Marca e o As, dous dos periódicos con maior tirada de España, sobre o final de La Vuelta, nas cales foi protagonista Contador vestindo a capa e o sombreiro de peregrino así como o seu abrazo o Apóstolo Santiago.
Segundo o informe de Kantar Media, esta cobertura en medios das 5 últimas etapas disputadas en terras galegas supuxeron mais dun billón de audiencia e unha valoración de preto de 16 millóns de euros. Esta valoración a prezo de tarifa ten un valor de mercado aproximado de 2,4 billóns de euros.
A todo isto hai que engadir, que segundo este informe, a marca Galicia tivo unha ampla presenza en televisión con 199 insercións cun valor do mercado de máis de 186 mil euros.
En canto ao beneficio directo, soamente a organización de La Vuelta realizou reservas en 80 hoteis galegos, o que supuxo un total 2.500 prazas hoteleiras ás que hai que sumar as prazas dos invitados, medios de comunicación e afeccionados.
O retorno económico de La Vuelta ao seu paso por Galicia foi de 4.283.487€, dos que mais de 2 millóns de euros proveñen da repercusión mediática e os máis de 1,7 millóns de euros restantes veñen do retorno da inversión directa. A directora de Turismo de Galicia destacou que “calquera evento deportivo activa o consumo dun territorio principalmente no sector servizos, pero se a isto lle sumamos que La Vuelta celébrase en plena rúa, polo que ten un efecto maior e mais diversificado que calquera outro evento”. A dita activación da economía está calculada nun incremento do consumo de 20 mil euros.