23 out 2014

IX Semana cultural da Asociación de amigos Vía da Prata de Ourense

No que vai de ano mais de 224 mil peregrinos recibiron a Compostela e deles de 8.107 escolleron a Vía da Prata para chegar a Santiago de Compostela.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou onte a IX Semana Cultural da Asociación de Amigos Vía da Prata de Ourense, que terá lugar dende hoxe ata o próximo venres 24 de outubro.


Ao longo dos tres días que dura a iniciativa diversas conferencias tratarán sobre San Famiano, o patrono dos peregrinos; o sentido antropolóxico da peregrinación e os seus mitos e lendas. Así mesmo, ás conferencias temáticas e ao habitual concurso fotográfico, este ano súmase o inicio dunha serie de homenaxes aos alcaldes dos concellos ubicados no Camiño da Vía da Prata, un total de 25. Así, os de Puebla de Sanabria, Lubián e A Gudiña serán os primeiros en recibir este recoñecemento ao seu traballo a favor do camiño.
Durante o acto a directora de Turismo de Galicia destacou a intensa actividade e de gran interés que realizan todas as asociación de amigos do Camiño das que afirmou “son un piar básico no desenvolvemento e difusión do Camiño de Santiago pola súa labor cultural e o seu traballo altruísta a prol da potenciación e mellora das Rutas Xacobeas”.


Así mesmo, Nava Castro, sinalou que o Camiño está en pleno auxe, neste senso afirmou que “as cifras de peregrinos estanse a incrementar, no que vai de ano, en case un 10% con respecto ao pasado ano”. No pasado ano Santiago de Compostela recibiu 215.880 peregrinos, un 12,15% mais que no ano anterior segundo os rexistros elaborados pola oficina de acollida ao peregrino. Deses peregrinos mais de 9 mil realizaron a Vía da Prata, o que situou este camiño na cuarta ruta mais transitada. No que vai deste ano xa mais de 224 mil peregrinos recibiron a Compostela e deles 8.107 escolleron a Vía da Prata para chegar a Santiago de Compostela, o que supón un 3,60% da totalidade de peregrinos.


Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, debido a este espectacular crecemento no número de peregrinos e polo redimensionamento do Camiño como fenómeno que supera o ámbito nacional, estase a elaborar o Plan Director do Camiño de Santiago. Este Plan, que contará con dous documentos, o plan director propiamente dito e un plan estratéxico de actuación, ten por obxecto revitalizar, promocionar, promover o estudo e investigación de todas as rutas xacobeas, a súa infraestrutura e o seu patrimonio e o seu legado inmaterial. “Pretendese que o Plan contribúa á mellora do Camiño ao longo de todas as rutas, adaptando medidas específicas para cada unha delas e definindo directrices que contribúa á mellora de aspectos ambientais, á xestión de fluxos, á mellora dos trazados e da sinalización e á mellora dos servizos turísticos entre outros cometidos”, explicou Nava Castro.


A directora galega de Turismo sinalou que este ano, ademais do atractivo que o propio Camiño suscita, os peregrinos teñen un motivo especial para a realización da Ruta Xacobea, a celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela. No marco desta efeméride, Nava Castro, invitou a os presentes a participar no primeiro encontro mundial en Galicia de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago que levarase a cabo dende o 23 ao 25 de abril e reunirá por primeira vez as asociacións xacobeas repartidas por todo o mundo en Compostela.

Arriba