24 out 2014

Galicia rexistra un máximo histórico en setembro con máis de 435.000 viaxeiros

No pasado mes de setembro rexistrouse un incremento no volume de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros do 10,7% e do 7,6% no nivel de pernoitas.

No que vai de ano a nosa comunidade superou por vez primeira neste período os 800.000 viaxeiros internacionais.

O número de viaxeiros aloxados no terceiro trimestre do ano en Galicia alcanzou o seu máximo histórico, con máis de 1,5 millóns.

No pasado mes de setembro Galicia rexistrou un crecemento dos niveis de demanda nos establecementos hoteleiros da comunidade, superando nun 10,7% a cifra de viaxeiros aloxados, ata situarse nos 435.367, e nun 7,6% o nivel de pernoitas do pasado ano, alcanzado as 835.313.

Este incremento dos volumes de demanda engádese ao rexistrado xa no pasado ano e sitúa o nivel de viaxeiros aloxados deste setembro en máximo histórico na nosa comunidade, por encima do volume rexistrado no último ano Xacobeo 2010.

En termos de pernoitas, o nivel sitúase no mes de Setembro por encima dos rexistrados nos últimos anos recuperándose así o volume previo ao inicio da crise en 2008.

O incremento de número de viaxeiros en Galicia sitúase en 5 puntos porcentuais por encima da media a nivel estatal, que tamén experimentou un comportamento positivo, e case 4 puntos porcentuais máis no caso das pernoitas. Galicia sitúase así como unha das comunidades máis dinámicas no ránking estatal.

O bo comportamento da demanda na nosa comunidade prodúcese como consecuencia do crecemento rexistrado polos tres grandes segmentos de mercado. O turismo nacional mellora grazas ao crecemento rexistrado tanto polo turismo interno, que sobe por primeira vez neste mes desde o inicio da crise actual en 2008 -un 2,2%-, como polo receptor -un 5,4% neste caso-.

O turismo internacional rexistrou tamén unha mellora importante neste mes de setembro, con incrementos de notable intensidade –do 23% a cifra de viaxeiros aloxados e do 17% as pernoitas- acadando así máximos históricos tanto en volume –con algo máis de 150.000 viaxeiros e 230.000 pernoitas- como en peso no conxunto da demanda –supón o 35% do total de viaxeiros aloxados e o 28% das pernoitas-.

O incremento da demanda produciuse nun contexto de crecemento da oferta. O número de prazas abertas subiu un 3,1% en relación ao pasado ano. En termos globais isto supón unha mellora do nivel de ocupación dos hoteis e pensións de Galicia que supera en 1,5 puntos porcentuais o dato do pasado ano.

A mellora das cifras de ocupación hoteleira producida ademais nun contexto no que as tarifas hoteleiras subiron -situándose en 54,0 euros de media- permitiu aos establecementos hoteleiros de Galicia mellorar neste noveno mes do ano os seus niveis de rendibilidade empresarial nun 6,8%.

Galicia superou no que vai de ano os 800.000 viaxeiros internacionais

Nos primeiros nove meses deste ano 2014 Galicia rexistrou un incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros da comunidade, do 6,8% en relación ao pasado ano, rexistrando preto de 3 millóns. Subiron tamén as pernoitas, un 3,9% neste caso, rexistrando máis de 5,7 millóns neste período.

É o segundo ano consecutivo no que Galicia experimenta unha mellora dos niveis de demanda hoteleira neste período de nove meses, situando os niveis de demanda deste ano –en termos de viaxeiros aloxados- nos máis elevados desde o inicio da crise, a excepción do ano Xacobeo 2010.

O turismo internacional acadou, no acumulado do ano, un máximo histórico de viaxeiros aloxados –superando por vez primeira o nivel dos 800.000 neste período de nove meses-, de pernoitans –con preto de 1,3 millóns- e de peso no conxunto da demanda –co 28% dos viaxeiros e o 23% das pernoitas acumuladas-.

Máis de 1,5 millóns de viaxeiros no terceiro trimestre do ano

Galicia rexistrou no terceiro trimestre do ano unha mellora notable dos seus niveis de demanda hoteleira superando nun 8,7% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 4,6% o nivel de pernoitas do anterior verán de 2013. O bo comportamento da demanda permitiu situar o nivel de viaxeiros aloxados en máximos históricos na nosa comunidade con máis de 1,5 millóns neste período.

Este resultado positivo débese aos incrementos rexistrados no volume de pernoitas nos tres meses de referencia, sendo do 3,2% en xullo, do 3,7% en agosto e ascendendo ata o 7,6% en setembro.

En canto aos segmentos de demanda, o mercado nacional incrementouse nun 3,3% mentres que o internacional subiu un 12,6%, acadando neste caso máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados –con 420.000- coma de pernoitas –con algo máis de 670.000 nestes tres meses-.

Arriba