A Xunta porá en marcha en 2015 a Plataforma tecnolóxica única para todos os axentes turísticos de Galicia que optimizará os procesos de xestión, información e inspección
É unha das liñas estratéxicas do Plan Smart Turismo dotado con 10 millóns de euros ata 2020 para integrar as TIC no sector.
Aproveitar as tecnoloxías para a promoción, a comercialización e a fidelización dos viaxeiros, e fomentar a innovación no sector, son algúns dos eixos prioritarios desta iniciativa.
O plan recolle tamén unha liña específica para potenciar os camiños de Santiago como produto turístico singular de Galicia, facilitándolles aos posibles peregrinos ou turistas os servizos tecnolóxicos máis avanzados.
A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e Turismo de Galicia, puxo en marcha este ano o Plan Smart Turismo para impulsar a modernización e a competitividade do sector a través das TIC. As liñas do Plan foron un dos temas abordados na Xornada “Retos e Oportunidades tecnolóxicas para o sector do turismo”, organizada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) en colaboración con Turismo de Galicia, o Clúster Turismo de Galicia e o Clúster TIC galego.
A directora da Amtega adiantou que en 2015 entrará en funcionamento un dos elementos chave deste Plan, a plataforma tecnolóxica única á disposición de todos os axentes turísticos de Galicia para optimizar os procesos de xestión, de información e de inspección. Mar Pereira sinalou que ao longo do vindeiro ano a plataforma ofrecerá dúas funcionalidades, o rexistro único de todos os recursos turísticos e un sistema de soporte integral á inspección turística, incluíndo a xestión do ciclo completo da inspección, desde a súa planificación, asistencia durante proceso, e tramitación das infraccións e sancións.
Mar Pereira lembrou que este Plan conta cun investimento de 10 millóns de euros ata 2020, para poder desenvolver catro eixos prioritarios: modernizar as infraestruturas tecnolóxicas do turismo de Galicia; aproveitar as tecnoloxías para a promoción, a comercialización e a fidelización dos viaxeiros; fomentar a innovación no sector; e potenciar o camiño de Santiago.
Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia sinalou que o sector turístico galego debe afianzarse como un sector competitivo e afirmou que para elo é necesario traballar sobre a capacitación do sector empresarial, a innovación e o emprego de novas tecnoloxías.
Nava Castro destacou diversos plans de accións acollidos no Plan Integral de Turismo de Galicia para a consolidación dun sector turístico sólido e sostible no tempo. Nesta liña explicou que unha das liñas estratéxicas que inclúe o dito plan está baseada no fomento do talento e o aproveitamento das novas tecnoloxías. Neste senso destacou accións como o Smart Camiño que “consolidará o Camiño de Santiago nun recurso intelixente e sostible a través da aplicación da innovación e a tecnoloxía”.
A responsables das áreas tecnolóxica e do turismo da Xunta realizaron estas declaracións durante a inauguración da Xornada, na que tamén interviñeron o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez, e secretario do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo González .
O obxectivo da Xornada é ofrecer un punto de encontro entre o sector tecnolóxico e o do turismo para analizar conxuntamente retos e oportunidades no momento actual. O sector do turismo é unha fonte de oportunidades para as empresas TIC de Galicia e as empresas TIC son unhas potentes aliadas das empresas turísticas para facelas máis competitivas na comercialización e eficientes na súa xestión.
Preto de 100 profesionais de ambos sectores
Arredor de 100 profesionais do sector tecnolóxico e do sector turístico terán a oportunidade de intercambiar experiencias en torno as mesas redondas e conferencias que se desenvolven ao longo da xornada.
O programa da xornada, que se desenvolverá ata ás 20.00 horas, inclúe varios relatorios acerca das oportunidades e as transformacións que supoñen as TIC para o sector turístico. Durante a mañá abordaranse os cambios no mercado do turismo en virtude da tecnoloxía así a experiencia do cliente (turista) a través das aplicacións móbiles e a economía colaborativa e os novos axentes na cadea de valor do turismo.
Xa pola tarde, abrirase a sesión cunha nova mesa temática acerca do valor da marca dixital. Posteriormente, farase unha presentación das empresas TIC e do Catálogo de provedores e solucións tecnolóxicas galegas para o turismo (TurismoTIC.gal), unha ferramenta online onde as empresas do sector turístico poderán atopar unha mostra representativa de empresas TIC galegas que poden converterse en aliados tecnolóxicos no cumprimento dos seus obxectivos de negocio. A xornada finalizará cun networking no que as empresas poderán aproveitar para facer contactos e buscar oportunidades.