Nava Castro destaca que os datos acadados no sector turístico evidencian os resultados das políticas de Turismo de Galicia
A directora de Turismo de Galicia resaltou que os obxectivos formulados no Plan Integral de Turismo de Galicia para o ano 2016 foron xa superados no primeiro ano de execución do propio plan.
Nava Castro afirmou que as cifras corroboran que o sector turístico está a experimentar un incremento importante e continúa sendo un fenómeno clave na economía galega pola súa capacidade de potenciar o desenvolvemento das economías e xerar emprego.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, fixo unha valoración na comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, das iniciativas levadas a cabo dende o departamento que dirixe.
Nava Castro explicou que a política que esta a levar a cabo Turismo de Galicia está completamente planificada no Plan Integral de Turismo de Galicia que conta con 37 liñas de accións e plans de traballo para alcanzar os obxectivos estratéxicos sectoriais propostos para o 2016.
Neste senso, Nava Castro destacou que estes obxectivos foron xa superados no primeiro ano de execución do propio plan. “Superamos no pasado ano, a cifra do millón de turistas internacionais, sobrepasamos os catro millóns de turistas en establecementos regrados e excedemos os 836 millóns de euros do gasto total de turistas internacionais”, afirmou.
A responsable de Turismo da Xunta destacou unha serie de datos que demostran que o turismo é dos sectores claves para a economía galega e evidencian os resultados das políticas levadas a cabo polo departamento que dirixe.
Así, Nava Castro sinalou que os viaxeiros aloxados en establecementos regrados pasaron de 3,8 millóns no 2009 ata os máis de 4 millóns do pasado ano.
En canto ao gasto total dos turistas internacionais en Galicia era en 2009 de 679 millóns de euros e no 2014 alcanzou a cifra dos 895 millóns de euros.
Na súa comparecencia, Nava Castro salientou tamén a tendencia ao alza dos peregrinos que chegan a Compostela, que no que vai de ano superaron xa os 55 mil peregrinos, “o que supón un aumento de máis do 10% en relación a un ano que xa foi o mellor dos non xacobeos”, explicou. Neste senso, a responsable de Turismo destacou tamén o aumento dos peregrinos estranxeiros, que no pasado ano supuxeron mais da metade dos peregrinos que recollen a Compostela.
Por outra parte, tendo en conta a EPA e o peso do turismo en Galicia respecto ao total da economía en Galicia, Nava Castro resaltou o incremento do peso do emprego turístico entre o ano 2009 e o 2015, que pasou dun 9,4% de ocupados nas ramas características deste sector no terceiro trimestre de 2009 a un 10,5% no primeiro trimestre do 2015.
Así mesmo, a responsable de Turismo referiuse aos datos anuais de Afiliación á Seguridade Social nas ramas específicas de actividade de aloxamento, restauración e axencias de viaxes, que tamén indican que entre o 2009 e o pasado ano houbo un incremento no número de afiliacións á Seguridade Social en termos absolutos, pasando das 68.400 do 2009 ata as 71.176 do 2014.
“Estas cifras corroboran que o sector turístico está a experimentar un incremento importante e continúa sendo un fenómeno clave na economía galega pola súa capacidade de potenciar o desenvolvemento das economías e xerar emprego”, concluíu Nava Castro.
Turismo de cruceiros
A directora de Turismo de Galicia referiuse tamén na súa comparecencia ao espectacular crecemento que o turismo de cruceiros acadou na nosa comunidade o pasado ano.
Neste senso, destacou que a cidade de Vigo foi a que máis pasaxeiros de cruceiros recibiu no pasado ano cun total de 176.019 e un incremento do 2,5% en relación ao ano anterior. Deste xeito, o porto do sur de Galicia acolleu o 50,9% do total dos cruceiristas que chegaron a nosa comunidade. No segundo lugar situouse o porto de A Coruña, o cal albergou un total de 129.597 pasaxeiros procedentes de cruceiros, un 37,4% do total. Segundo sinalou Nava Castro, á cidade de A Coruña síguelle o porto de Ferrol que, cun total de 39.017 pasaxeiros, rexistrou un incremento dun 295,5%, en relación ao ano 2013. Por último, o porto de Vilagarcía acolleu 1.032 pasaxeiros de cruceiros ao longo do 2014, o 0,3% do total de cruceiristas que visitaron Galicia.
Promoción internacional
Por outra banda, a responsable de Turismo da Xunta fixo referencia á firme aposta de Turismo de Galicia pola promoción internacional.
Nesta liña, Nava Castro destacou o incremento da participación de Turismo de Galicia en feiras turísticas destinadas á promoción internacional do destino Galicia neste ano 2015.
Segundo sinalou, o turismo galego estará presente nos principais mercados turísticos do mundo a través de diversos certames entre os cales destacou a Internationale Turismus Börse (ITB), de Berlín; a World Travel Market (WTM), de Londres; a feira Mundo Abreu de Lisboa; ou o Salon dás Vacances de Bruxelas. Ademais, Galicia posicionarase tamén nos mercados emerxentes de Xapón, coa feira JATA; Rusia, co certame MITT; Brasil, coa feira World Travel Latin América; ou Finlandia, co certame Matka.
Así mesmo, segundo sinalou Nava Castro, para a promoción específica dos produtos turísticos galegos máis punteiros, Turismo de Galicia participará tamén en certames especializados.