18 ago 2015

O Tren do Peregrino chega a Santiago co seu aforo completo

Un total de 110 pasaxeiros percorreron o Camiño de Santiago grazas ao Tren do Peregrino.

Os trens turísticos xa superaron as vendas de toda a pasada edición.

A Ruta dos Faros en ambos os dous sentidos e as Rutas do Viño de Monterrei, Rías Baixas e Ribeira Sacra foron os percorridos que se puideron gozar na ponte da Asunción.

A directora de Turismo de Galicia visitou  na estación de ferrocarril de Santiago o Tren do Peregrino que chegou a Compostela co seu aforo completo. Neste tren viaxaron un total de 110 pasaxeiros que puideron realizar a pé ou en bicicleta o Camiño de Santiago que contaron co transporte e o aloxamento nun só medio moderno e confortable.

Esta nova opción que permite vivir a experiencia única que supón o Camiño de Santiago, inclúe o aloxamento nunha das 55 cabinas de Gran Clase con baño completo, os almorzos e dúas ceas que se serven a bordo do tren a primeira e a última noite da viaxe. Así mesmo, inclúe tamén unha selección de excursións, actividades e visitas culturais que completan a expedición.

O itinerario comezou o pasado xoves en Madrid nunha xornada que rematou en Astorga. O día seguinte, no traxecto Astorga-Ponferrada, os viaxeiros puideron realizar unha etapa do Camiño e unha visita guiada as Médulas. O sábado (Ponferrada-Ourense) os pasaxeiros foron trasladados en autobús desde Monforte para realizar outra etapa do Camiño antes de chegar a Ourense. O pasado domingo, os viaxeiros realizaron unha nova etapa antes de asistir á misa do peregrino. Pola tarde, os viaxeiros coñeceron a capital de Galicia cunha visita guiada antes de volver a Madrid ás 21,15 horas.

Trens turísticos desta fin de semana
A demanda dos trens turísticos deste ano segue a incrementarse considerablemente. Actualmente xa se superaron as vendas que se produciron no total do pasado ano.

Este programa que cumpre a súa terceira edición permite percorrer sete rutas temáticas para descubrir as diferentes zonas de Galicia: a Ruta dos Faros, a Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos e as cinco Rutas do Viño que recorren os distintos territorios onde se producen as denominacións vitivinícolas galegas: Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras. Estes sete itinerarios están constituídos nesta terceira edición por 57 trens que ofertan un total de 2.524 prazas, 74 prazas máis que o pasado ano.

Os pasados sábado e domingo volveron saír os tren turísticos do programa ‘Galicia, a todo tren’ promovido por Turismo de Galicia en colaboración con Renfe e o Inorde.

Os trens que percorreron a xeografía galega o día da Asunción foron o da Ruta dos Faros dende Ferrol ata Ribadeo e o tren da Ruta de Monterrei, ambos os dous tiveron unha ocupación do 100%. Pola súa parte, o pasado domingo fixo o seu percorrido novamente o tren da Ruta dos Faros pero en sentido inverso, dende Ribadeo ata Ferrol e o tren da Ruta Rías Baixas mais o da Ribeira Sacra. Estes trens das Rutas dos Viños tamén estiveron completos.

Este programa que celebra xa a súa terceira edición segue espertando gran interese entre galegos e turistas que ven a posibilidade de coñecer os paraxes máis espectaculares da comunidade galega dun xeito diferente. Así, cada fin de semana dende mediados de xuño -que deu comezo o programa- son moitos os que elixen os trens turísticos para gozar da súa xornada de verán.

 

Arriba