13 feb 2017

A Comisión de Seguridade Viaria nos Camiños de Santiago analiza as medidas dispostas para mellorar o traxecto dos peregrinos

 Nesta comisión de carácter multidisciplinar actúan conxuntamente o Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia para a mellora dos puntos de cruzamento entre as estradas estatais e autonómicas e o Camiño de Santiago

Na reunión, Turismo de Galicia expuxo as diversas actuacións en materia de sinalización e acondicionamento realizadas no Camiño de Santiago co obxectivo de garantir a seguridade dos peregrinos

 

Pola súa parte, o Ministerio de Fomento está a realizar os correspondentes estudos para os proxectos de pasos, adecuación, remodelación e pasarelas para distintos viarios

 A sede da Delegación do Goberno en Galicia acolleu unha nova reunión da Comisión de Seguridade Viaria nos Camiños de Santiago, constituída en xullo de 2015. Unha comisión de carácter multidisciplinar na que actúan conxuntamente o Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia para a mellora dos puntos de cruzamento entre as estradas estatais e autonómicas e o Camiño de Santiago.

Na sesión deuse conta da situación dos distintos puntos de conflito achados nas catro provincias galegas. Así mesmo informouse da resolución dalgún deles e doutros proxectos en fase de estudo ou redacción a fin de lograr unha adecuada seguridade viaria no Camiño de Santiago.

Turismo de Galicia informou das diversas actuacións levadas a cabo nos Camiños e que contribúen á seguridade dos peregrinos.

Neste senso, destacou a finalización no pasado ano da obra de sinalización e melloras no Camiño Francés para a súa adaptación á delimitación oficial, coa creación de diversas sendas como a de Pedrafita que aparta aos peregrinos da estrada.

Así mesmo, sinalou que neste ano 2017 continuará con estas actuacións de desenvolvemento e aplicación da nova normativa de sinalización no Camiño do Norte, Camiño Primitivo, Camiño Inglés e Ruta Fisterra-Muxía.

Por outra banda, informou das intervencións realizadas para asegurar o acondicionamento do Camiño destacando accións como o convenio de colaboración coa Mancomunidade de Municipios do Camiño Francés cunha liña de axuda económica nesta materia ou o contrato de servizo de roza e limpeza para o resto de Rutas Xacobeas de Galicia, estando actualmente en licitación un novo contrato para o mantemento integral dos Camiños de Santiago en Galicia.

Ademais, Turismo de Galicia levou a cabo obras de recuperación no Camiño Francés nos municipios do Pino, Samos, Portomarín, Palas de Rei, Melide, Arzúa e Paradela.

Así mesmo, foron executadas obras de mellora do Camiño Primitivo nos municipios da Fonsagrada e Baleira, así como de pavimentación do núcleo da Canda, na entrada en Galicia da Vía da Prata.

Para este ano 2017, Turismo de Galicia ten previsto ademais completar as obras de optimización do Monte do Gozo así como iniciar a tramitación das obras de acondicionamento das entradas do Camiño a Santiago de Compostela a través dunha encomenda á Axencia de Infraestruturas da Xunta de Galicia.

Tamén Turismo de Galicia continuou promovendo o pasado ano medidas de prevención e concienciación dos peregrinos en materia de seguridade viaria co reparto de cubremochilas reflectoras.

Actuacións do Ministerio de Fomento

Pola súa parte, o Ministerio de Fomento realizou, previamente, en 2015, actuacións de reforzo e mellora da sinalización vertical nos puntos máis conflitivos de cruzamento de peregrinos do Camiño de Santiago Francés coa estrada estatal N-547. Neste punto limitouse a velocidade nos puntos de cruzamento do Camiño de Santiago, que diariamente transitan máis de 1.000 peregrinos, e implantou sinais con leds de advertencia de perigo polo cruzamento de peóns e peregrinos, reforzando así a sinalización preexistente.

Ante a necesidade de lograr unha mellora global nesta estrada estatal, nos seus puntos de confluencia co Camiño atópase en fase de tramitación o proxecto para a construción de pasos inferiores e accesos no cruzamento do Camiño de Santiago con N-547 seis puntos quilométricos de especial tráfico.

Tamén esta en proxecto de redacción a remodelación da intersección na estrada N-550 Faramello Sur, en Rios, para a mellora da seguridade de condutores e peregrinos a través da transformación da intersección existente e da prolongación do carril de aceleración, así como a execución dunha senda peonil paralela protexida a ambos os dous lados.

Mentres na provincia de Ourense, na Vía da Prata ao seu paso pola localidade de Carballeda, en Piñor, reforzarase a sinalización vertical no tramo en ambas as marxes coa implantación de sinais de advertencia. As características do tramo e o tránsito limitado a 50 km/h fan compatible a convivencia entre coches e peóns.

Finalmente para a provincia de Pontevedra o ministerio de Fomento redactará un proxecto de mellora da seguridade viaria e accesibilidade do tramo da N-551 na intersección da N-550 e a Ponte Internacional de Tui (fronteira con Portugal) así como a súa adecuación ao valor patrimonial e cultural deste tramo, parte do Camiño de Santiago Portugués e á vez acceso á cidade.

Así mesmo, estase a redactar o proxecto de construción dunha pasarela para o camiño portugués sobre o ramal de acceso á estrada N-550 desde a autovía A-52 permitindo o paso de vehículos e de peregrinos.

Do mesmo xeito o Ministerio está a redactar o proxecto de construción doutra pasarela para o Camiño Portugués ao seu paso por Caldas de Reis, sobre o río Umia, para a separación do tránsito peonil rodado, mellorando a comodidade e seguridade viaria de peóns.

Arriba