05 out 2016

Os hosteleiros do Camiño de Santiago reciben formación do CSHG para mellorar a atención ao cliente nos restaurantes

O obxectivo é mellorar o servizo en sala dos restaurantes do Camiño, incidindo na calidade e técnicas na atención ao cliente, no coñecemento dos diferentes tipos de clientes e no tratamento de queixas e reclamacións

O primeiro módulo impartiuse no propio Centro Superior de Hostelería de Galicia e os seguintes terán lugar en Portomarín e Melide os días 17 e 24

Así mesmo, a Escola de Turismo Itinerante impartirá neste ano novos cursos para os restaurantes do Camiño de Santiago sobre a importancia da gastronomía galega na cultura xacobea en Galicia e o Menú do Peregrino como potenciador dos produtos autóctonos

A Escola de Turismo Itinerante de Turismo de Galicia continúa formando aos profesionais da hostalería de Galicia.

Esta escola, que evidencia a firme aposta de Turismo de Galicia pola formación, reiniciou a súa actividade cun novo módulo formativo sobre Atención ao Cliente, que impartiu o seu primeiro curso na sede do Centro Superior de Hostelería de Galicia e que ten previsto novas edicións en Portomarín e Melide os días 17 e 24 de outubro respectivamente.

Con este tipo de cursos, a Escola de Turismo Itinerante do CSHG pretende mellorar a calidade do servizo en sala dos restaurantes do Camiño, incidindo na calidade e técnicas na atención ao cliente, no coñecemento dos diferentes tipos de clientes e no tratamento de queixas e reclamacións.

Deste xeito, estes cursos formativos teñen como obxectivo concienciar e facilitar a estes profesionais, que son grandes promotores do Camiño de Santiago e da gastronomía galega, as ferramentas precisas para que o cliente reciba unha atención de calidade nos establecementos que visitan.

O curso que se celebrará en Portomarín terá lugar na Casa da Cultura que se atopa na Rúa Ánxel Fole. En Melide, a formación repetirase na aula de formación que a Asociación Empresarios Terra de Melide (ASETEM) ten na rúa Lino Sexto. O horario de celebración será de 10 a 13 horas. As persoas que queiran participar poden inscribirse na páxina web do Centro Superior de Hostalería de Galicia.

Programa de profesionalización do Camiño

O Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago inclúe este programa “Profesionalización no Camiño”, que desenvolve a Escola de Turismo Itinerante, dentro do seu plan de accións prioritarias. O obxectivo é mellorar o nivel de profesionalización do sector a través de cursos e xornadas como a celebrada onte no CSHG, enfocadas á atención ao peregrino e a súa experiencia en Galicia.

Durante o último ano, o CSHG ven de organizar outros módulos formativos dentro deste programa. Preparou cursos en diferentes localidades como Xestión do departamento de Recepción en aloxamentos do Camiño, Pon o teu albergue no mapa (Smart Camiño), Atención, información e servizo ao peregrino en aloxamentos do Camiño de Santiago e A propina do peregrino nas redes sociais.

Así mesmo, durante este ano haberá novos cursos para os restaurantes do Camiño de Santiago. A importancia da gastronomía galega na cultura xacobea en Galicia e o Menú do Peregrino como potenciador dos produtos autóctonos terán lugar en novembro deste ano. O primeiro pretende dar a coñecer diferentes opcións de menú feitos con produtos galegos e a forma de optimizar os procesos de elaboración e aprovisionamento para facer unha oferta rendible. O segundo quere poñer en valor a gastronomía de Galicia no Camiño de Santiago. Os cursos celebraranse o luns en horario de mañá en Portomarín (día 7), Melide (día 14) e Cee (día 21).

Arriba