07 dec 2015

A directora de Turismo de Galicia destaca o auxe experimentado na Comunidade polo turismo enolóxico

A responsable de Turismo da Xunta participou na II Festa do Viño Escumoso da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas e na sesión conciliar da Confraría do Viño do Condado do Tea que se celebrou na fortaleza de Salvaterra

A directora de Turismo de Galicia resaltou a gran difusión e notoriedade acadada polos viños galegos grazas á súa gran calidade

Nava Castro destacou que Galicia é a primeira comunidade en certificacións de calidade no sector do turismo industrial por encima de comunidades con unha gran tradición vitivinícola

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na II Festa do Viño Escumoso da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas e na sesión conciliar da Confraría do Viño do Condado do Tea que celebrouse na fortaleza de Salvaterra.

Na súa intervención, Nava Castro, aludiu aos datos de produción acadados polo sector vinícola de Galicia, lembrando que na Comunidade galega se producen máis de 44.000 toneladas de uva ao ano, o que supón máis de 360.000 hectolitros de viño cualificado e un valor económico que supera os 150 millóns de euros.

A responsable de Turismo salientou o gran potencial que ten o turismo enolóxico en Galicia afirmando que esta modalidade de turismo está a experimentar un auxe significativo. “Cada vez son máis os turistas que acoden a Galicia a zonas como esta marxe dereita do río Miño para entender a concepción dos viños”, afirmou.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia referiuse á gran difusión que están a experimentar os viños galegos, así como á notoriedade que adquiriron que, segundo manifestou, “está baseada na súa gran calidade”.

A responsable de Turismo da Xunta referiuse á vinculación da enoloxía coa gastronomía, co patrimonio, coa cultura e a tradición que rodea ao mundo do viño, sinalando que “os viños transmiten aos viaxeiros que os degustan o sabor de cada terra”.

Neste senso, Nava Castro destacou que Galicia é a primeira comunidade en certificacións de calidade no sector do turismo industrial por enriba de comunidades con unha gran tradición vitivinícola como son A Rioxa ou Castela e León.

Arriba