A Escola de Turismo Itinerante imparte formación sobre atención ao peregrino ao profesional hostaleiro de Cee e Santiago
Asistiron máis de 50 traballadores de albergues e aloxamentos da Ruta Xacobea, dende recepcionistas ata propietarios
Abordouse a carta de servizos dos locais, o trato nas redes sociais e os recursos informativos dispoñibles grazas ao proxecto Smart Camiño de Turismo de Galicia
A partir de outubro celebraranse cursos cunha nova temática que abordará a gastronomía e a súa relación co fenómeno xacobeo
A Escola de Turismo Itinerante desprazouse a pasada semana ata Cee e ata Santiago de Compostela para impartir varias actividades de formación aos profesionais hostaleiros da zona. Os cursos, a cargo de persoal do Centro Superior de Hostalería de Galicia, abordaron a atención ao peregrino, tanto de xeito presencial á súa chegada ao establecemento como a través das redes sociais.
Asistiron máis de 50 profesionais de albergues e aloxamentos do Camiño, dende recepcionistas ata propietarios, aos que se lles explicou a carta de servizos dos locais e a forma de responder comentarios e solicitudes de información nas redes sociais, entre outras cuestións, relativas á boa atención ao peregrino.
O curso afondou na necesidade de que os profesionais poñan especial interese en coñecer ao cliente e saber que necesidades ten para poder elaborar unha carta de servizos, así como a importancia de ofrecer ao peregrino unha información útil e completa. Neste sentido, presentouse aos asistentes o proxecto Smart Camiño, co que Turismo de Galicia puxo recentemente en marcha a páxina web www.caminodesantiago.gal co obxectivo de que o visitante teña unha ampla e correcta información sobre o Camiño e os servizos e ofertas complementarias tanto antes, como durante e despois de iniciar a viaxe.
Tamén se abordou a importancia que actualmente revisten as redes sociais no eido da promoción e explicouse aos asistentes cales escoller en función dos clientes potenciais e como tratar as solicitudes de información que se realizan por este medio.
Os próximos cursos da Escola de Turismo Itinerante desenvolveranse a partir do mes de outubro, cunha temática renovada que abordará a gastronomía galega dende a perspectiva da cultura xacobea e o menú do peregrino como potenciador dos produtos autóctonos, así como a atención ao cliente en restaurantes do Camiño.