Turismo de Galicia e concellos do Camiño Portugués da Costa mellorarán a sinalización desta ruta
Nava Castro mantivo unha reunión con representantes de Baiona, Oia, Nigrán, A Guarda, O Rosal e Redondela
Garantirase un servizo de calidade para os cada vez máis peregrinos que chegan por esta vía mentres non se establece a delimitación definitiva do percorrido
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, mantiveron unha reunión cos concellos nos que está pendente a sinalización do Camiño Portugués da Costa. No encontro tamén estiveron presentes a xerente de Turismo de Galicia, Elena Barca, o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez e membros da Asociación galega de Amigos do Camiño de Santiago e da Asociación de Amigos dos Pazos.
Asistiron os representantes municipais de Baiona, Oia, Nigrán, A Guarda, O Rosal e Redondela, sendo Vigo o único concello que non estivo presente dos sete nos que está pendente esta sinalización.
Actualmente, o Camiño Portugués da Costa está pendente dunha delimitación definitiva por parte da Dirección Xeral de Patrimonio e, por iso, é necesario proceder a unha sinalización provisional que garanta un servizo axeitado aos cada vez máis peregrinos que percorren este itinerario.
Con ese cometido, os presentes acordaron a sinatura dun convenio de colaboración para a mellora da súa sinalización polo que Turismo de Galicia se ocupará de achegar os elementos necesarios como placas de cerámica, cunchas de bronce e outros sinais, mentres que as entidades locais se encargarán da súa colocación.
Declaración do Camiño Portugués da Costa
O pasado mes de abril o Parlamento de Galicia aprobou a Lei do patrimonio cultural da Comunidade, na cal se recoñece oficialmente o Camiño de Inverno e o Camiño Portugués da Costa como dúas novas rutas de peregrinación a Santiago de Compostela, recollendo unha vella reivindicación dos colectivos relacionados con ambas as dúas vías xacobeas. A devandita inclusión foi froito dos estudos realizados nos últimos anos e que acreditaron a historicidade destes itinerarios.
O Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia en setembro de 2015, está en consonancia con esta nova normativa legal que procura, entre outros obxectivos, o mantemento dos valores esenciais do Camiño e a posta en valor do patrimonio cultural a el asociado.