13 xuñ 2016

O xerente do Xacobeo participa en Inglaterra na simbólica peregrinación entre a abadía de Finchale e a catedral de Durham

A iniciativa rememora o itinerario que se realizaba hai máis de 500 anos e que tiña o condado como punto de partida do Camiño Inglés para os pobos do norte de Europa

A cidade de Durham tamén albergou a inauguración da exposición ‘Acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago. Fotografías de Manuel G. Vicente’

 O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participou na simbólica peregrinación entre a abadía de Finchale e a catedral de Durham, ao nordeste de Inglaterra, para rememorar o histórico itinerario que milleiros de romeiros británicos e do norte de Europa realizaron durante séculos.

O xerente realizou este percorrido, duns 7 quilómetros, xunto cos responsables municipais de Durham, un grupo de alumnos da Universidade desta cidade e outras persoas e autoridades que quixeron apoiar a iniciativa de recuperación do inicio desta ruta do Camiño Inglés na abadía de Finchale, que leva esquecida máis de 500 anos.

Esta abadía beneditina do condado de Durham era historicamente o punto de partida do Camiño Inglés a onde chegaban peregrinos europeos, fundamentalmente os que chegaban por mar procedentes dos países nórdicos e pobos do mar Báltico. Despois dun intenso periplo, estes viaxeiros descansaban na zona antes de dirixirse cara aos portos do sur do Reino Unido, especialmente Londres e Plymouth, para embarcar de novo rumbo a Galicia co obxectivo de visitar a tumba do Apóstolo en Compostela.

A abadía de Finchale, de onde parte esta ruta, foi fundada por San Godric, un monxe de principios do século XII que realizou unha longa peregrinación a Roma, Xerusalén e Santiago, cidade á que chegou no ano 1102.

Acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago
Paralelamente, esta fin de semana a cidade de Durham tamén inaugurou a exposición “Acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago. Fotografías de Manuel G. Vicente”, que estará a disposición do público ata o 3 de xullo na igrexa da Nosa Señora da Misericordia e San Godric.

A mostra amosa a hospitalidade como a pedra angular da Ruta Xacobea e como característica do pobo galego, recollendo este sentimento nas fotografías que Manuel G. Vicente tomou ao longo do Camiño durante as últimas décadas.

Así mesmo, transmite o marco sensible no que o peregrino se comunica co contorno natural e humano. Neste sentido, a exposición explica con imaxes a comunicación do romeiro consigo mesmo e deste co propio Camiño, cos seus compañeiros de travesía ou cos hospitaleiros e paisanos, presentando a fraternidade como un valor intrínseco da experiencia xacobea que achega vivencias e novas amizades.

Arriba