Nava Castro presenta o ciclo "CONferencias con SOLIDARIEDADE’ que se desenvolverá en Compostela
A sesión de hoxe abordará temas como os refuxiados, a exclusión, o traballo en zonas de conflito ou o desenvolvemento sustentable da man de grandes expertos
Forma parte da programación especial do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia, que terá un importante impacto económico na Comunidade
A Xunta de Galicia ten en marcha outras iniciativas como “Música no Camiño” ou exposicións como “Galicia, Casa dos Peregrinos” ou “Vía Iacobitana”
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou o “Ciclo CONferencias con SOLIDARIEDADE”, que se inicia hoxe, e que forma parte do programa especial de actividades impulsado polo seu departamento con motivo do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia. Esta celebración, segundo a directora, terá “unha repercusión moi importante na actividade económica de Santiago e de Galicia”.
Nava Castro explicou que este ciclo de conferencias terá lugar na capital galega nos meses de xuño, xullo, setembro e outubro, ofrecendo cinco sesións. A directora enxalzou que esta actividade está inspirada na “secular experiencia hospitalaria e solidaria do Camiño de Santiago” e permitirá reflexionar sobre a solidariedade no mundo actual.
De feito, a titular de turismo expuxo que se abordarán temas como os refuxiados, a loita contra a exclusión, o traballo en zonas de conflito ou o desenvolvemento sustentable da man de “grandes expertos” representantes de prestixiosas institucións, fundacións e asociacións. Desta maneira, as conferencias permitirán a aproximación a experiencias de persoas e colectivos que traballan a prol dos outros dun xeito “exemplar e inspirador”, segundo dixo Nava Castro.
A primeira sesión deste ciclo terá lugar mañá baixo o título de “Todos contan”, dende as 20:00 horas e con acceso libre no Auditorio Abanca, na rúa Preguntoiro. A presentadora Silvia Jato, embaixadora de Axuda en Acción, conducirá o acto no que intervirán Lorena Seijo, xefa de prensa en Galicia de Asemblea de Cooperación pola Paz; José Anuncio Mouriño, director de Cáritas Diocesana de Santiago; Pablo Rodríguez, coordinador territorial en Galicia da Fundación Entreculturas; e Miño Guerreiro, presidente de Enxeñería sen Fronteiras.
Conferencias programadas
O 13 de xullo celebrarase a conferencia “Mediterráneo, a última fronteira” da man de tres integrantes da ONG PROEM-AID, composta por bombeiros e patróns de embarcación para rescatar botes en problemas. Naceu tras a divulgación da fotografía do neno sirio afogado camiño de Grecia.
O 7 de setembro, o presidente de Médicos Sin Fronteras, José Antonio Bastos, tratará as “Fronteiras Ignoradas” e o 5 de outubro ofrecerase outra conferencia a cargo do coordinador xeral de Cruz Roja Española, Antoni Bruel. Realizarase unha sesión máis, previsiblemente no mes de outubro, que está pendente de confirmar.
Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia
O Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia iniciouse o 8 de decembro de 2015 e estenderase ata o 20 de novembro de 2016. Este evento supón un fito histórico para o Camiño de Santiago e para a Comunidade galega xa que, por primeira vez, se abriu a Porta Santa da Catedral nun ano que non era Ano Santo.
Por este motivo, Turismo de Galicia puxo en marcha unha programación especial que inclúe todo tipo de acontecementos culturais, artísticos e sociais, actuacións de investigación, así como iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico e a acollida ao visitante. Durante este período, Galicia ofrecerá diversos congresos e conferencias, ademais de programas culturais e concertos como a iniciativa “Música no Camiño” ou “Cultura no Camiño”.
Cabe subliñar a celebración de exposicións como “Galicia, Casa dos Peregrinos”, que pode visitarse no Colexio Fonseca de Santiago, ou “Vía Iacobitana”, actualmente no Centro Social Abanca en Compostela. Tamén é relevante o desenvolvemento do curso de verán “IX Leccións Xacobeas Internacionais: a hospitalidade no Camiño de Santiago”, promovido pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela.
Así mesmo, tamén se levarán a cabo importantes iniciativas relacionadas coa conservación do patrimonio e actuacións orientadas a mellorar a acollida dos peregrinos, algunhas delas xa postas en marcha como o Plan de Actuación do Monte do Gozo, a rehabilitación da Casa de Pasarín na Fonsagrada como albergue de peregrinos ou o novo albergue da cidade de Ourense.
Datos récord no número de peregrinos
Nava Castro dixo que esta actividade axudará a seguir coa tendencia de incremento do número de peregrinos que chegan a Compostela. Neste sentido, enxalzou os 96.188 peregrinos recibidos no que vai de ano, un 8% máis que no mesmo período do ano pasado, tendo en conta que en 2015 xa se batera un máximo histórico nun ano non santo ao contabilizar 262.515, un 10,31% máis que os que chegaron en todo 2014. A directora explicou tamén que Galicia acadou un máximo histórico de viaxeiros aloxados ao rexistrar 1.241.384 nos primeiros cinco meses do ano.