11 xul 2016

Nava Castro destaca as grandes actuacións de Turismo de Galicia para a mellora e impulso do Camiño Primitivo

Entre outras actuacións, fixo referencia á rehabilitación da Casa Pasarín como albergue e as obras de acondicionamento do treito do Camiño entre A Fonsagrada e Melide

O Goberno galego executa tamén continuas actuacións de limpeza e mantemento do percorrido e a xestión dos albergues públicos

Hai un ano da declaración dos Camiños do Norte e Primitivo como Patrimonio da Humanidade, que en 2015 rexistraron 27.301 peregrinos, un 10,4% do totalA directora de Turismo asegura que este fito e as numerosas actuacións de mellora que executa o seu departamento aumentaron os usuarios destas rutas

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor diversas iniciativas que se están a levar a cabo desde o seu departamento no Camiño Primitivo entre as que destacou a rehabilitación da Casa Pasarín da Fonsagrada como albergue de peregrinos, ao que se destinaron 530.000 euros, e o acondicionamento do treito desta ruta entre A Fonsagrada e Melide, que supón un investimento de 572.000 euros.

A directora fixo estas declaracións na Fonsagrada, onde iniciou o percorrido por un treito do Camiño Primitivo para celebrar o primeiro aniversario da declaración do Camiño do Norte e do Camiño Primitivo como Patrimonio Mundial pola UNESCO. Na andaina tamén participaron o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e os alcaldes dos concellos polos que discorre o itinerario.

Nava Castro asegurou que esta declaración, unida ás actuacións executadas pola Xunta de Galicia, contribuíu a incrementar o número de peregrinos destas dúas rutas, que rexistraron en 2015 un total de 27.301 peregrinos, o que supón un 10,4% dos rexistrados no total de itinerarios.

O Camiño Primitivo rexistrou en 2015 un total de 11.473 peregrinos, o 4,37% dos contabilizados no total de itinerarios. A directora expuxo que as previsións apuntan a que este ano se conseguirán uns resultados aínda máis positivos, grazas en boa parte ás melloras que Turismo de Galicia acomete nesta ruta.

Outras melloras no Camiño Primitivo

Ademais da rehabilitación da Casa Pasarín da Fonsagrada e o acondicionamento do treito desta ruta entre A Fonsagrada e Melide, Turismo de Galicia executa continuas intervencións de roza, limpeza e mantemento ao longo do percorrido, así como a xestión dos seis albergues existentes, segundo explicou a directora.

A maiores, Nava Castro enxalzou outras iniciativas que o seu departamento ten en marcha para dinamizar a Ruta Xacobea como os programas “Cultura no Camiño”, “Vive o Camiño”, campañas didácticas para escolares e unha oferta de actividades culturais nas localidades polas que transcorren os itinerarios, así como o convenio que mantén co bispado de Lugo para a apertura de diversas igrexas do Camiño Primitivo nos meses de maior afluencia coa finalidade de que os peregrinos poidan acceder ás mesmas.

Outros recoñecementos do Camiño de Santiago

A declaración do Camiño do Norte e do Camiño Primitivo como Patrimonio Mundial pola UNESCO en xullo de 2015, baixo o ben “Os Camiños de Santiago do Norte Peninsular”, súmase a outros recoñecementos obtidos pola Ruta Xacobea.

Deste xeito, o Consello de Europa recoñeceu o Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo no 1987, así como a declaración do Camiño Francés como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1993, o Premio Príncipe de Asturias da Concordia concedido no 2004 ou o recoñecemento Embaixador Honorario da Marca España na categoría de relacións institucionais recibido no 2014.

 

 

 

 

Arriba