18 xul 2016

O ‘Ciclo CONferencias con SOLIDARIEDADE’ aborda o rescate e atención aos refuxiados do Mediterráneo

Nas distintas sesións trataranse temas como a cooperación internacional, a exclusión ou o traballo en zonas de conflito da man de grandes expertos

As actividades son de acceso libre e as próximas terán lugar na capital galega nos meses de setembro e outubro

É parte da programación especial impulsada por Turismo de Galicia con motivo do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia

A Xunta ten en marcha outras iniciativas como “Música no Camiño” e as exposicións “Galicia, Casa dos Peregrinos” ou “Vía Iacobitana”

O “Ciclo CONferencias con SOLIDARIEDADE”, que forma parte do programa especial de actividades impulsado por Turismo de Galicia con motivo do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia, ofreceu no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela a conferencia “Mediterráneo, a última fronteira”.

Este relatorio achegou aos asistentes á realidade dos refuxiados que chegan por mar á illa grega de Lesbos, onde reciben atención de diversas entidades, entre as que figura a ONG Professional Emergency AID (PROEM-AID), composta por bombeiros e patróns de embarcación para rescatar botes en problemas. Esta organización naceu tras a divulgación da fotografía do neno sirio afogado camiño de Grecia e o seu vicepresidente, Manuel Blanco, foi o encargado de dirixir esta conferencia.

Ao longo de todo o ciclo de conferencias abordaranse temas como a cooperación internacional para o desenvolvemento, a loita contra a exclusión, o traballo en zonas de conflito ou o desenvolvemento sustentable da man de grandes expertos representantes de prestixiosas institucións, fundacións e asociacións. Desta maneira, as conferencias permitirán a aproximación a experiencias de persoas e colectivos que traballan a prol dos outros. O ciclo, de acceso libre, terá lugar na capital galega, ofrecendo un total de cinco encontros, dos que xa se celebraron dous, nos que se reflexionará sobre a solidariedade no mundo.

Próximas conferencias programadas

As próximas citas son o 7 de setembro, cando o presidente de Médicos Sin Fronteras, José Antonio Bastos, tratará as “Fronteiras Ignoradas”; o 5 de outubro, cando se celebrará outra conferencia a cargo do coordinador xeral de Cruz Roja Española, Antoni Bruel; e o 13 de outubro, que está pendente de pechar.

A inauguración deste ciclo celebrouse o pasado día 28 de xuño como unha mesa redonda baixo o título de “Todos contan” e que foi conducida pola presentadora Silvia Jato, embaixadora de Axuda en Acción. O acto contou coa intervención de Lorena Seijo, xefa de prensa en Galicia de Asemblea de Cooperación pola Paz, que tratou a cooperación para o desenvolvemento dende a perspectiva do traballo realizado en Guatemala pola súa entidade ao longo de oito anos.

Tamén participaron José Anuncio Mouriño, director de Cáritas Diocesana de Santiago, que falou da atención á pobreza; Pablo Rodríguez, coordinador territorial en Galicia da Fundación Entreculturas, que explicou asuntos relativos á educación; e Miño Guerreiro, presidente de Enxeñería sen Fronteiras, que expuxo a importancia da tecnoloxía aplicada ao desenvolvemento e ás infraestruturas como os pozos de auga.

Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia

O Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia iniciouse o 8 de decembro de 2015 e estenderase ata o 20 de novembro de 2016. Este evento supón un fito histórico para o Camiño de Santiago e para a Comunidade galega xa que, por primeira vez, se abriu a Porta Santa da Catedral nun ano que non era Ano Santo.

Por este motivo, Turismo de Galicia puxo en marcha unha programación especial que inclúe todo tipo de acontecementos culturais, artísticos e sociais, actuacións de investigación, así como iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico e a acollida ao visitante. Durante este período, Galicia ofrecerá diversos congresos e conferencias, ademais de programas culturais e concertos como a iniciativa “Música no Camiño” ou “Cultura no Camiño”.

Cabe subliñar a celebración de exposicións como “Galicia, Casa dos Peregrinos”, que pode visitarse no Colexio Fonseca de Santiago, ou “Vía Iacobitana”, actualmente no Centro Social Abanca en Compostela. Tamén é relevante o desenvolvemento do curso de verán “IX Leccións Xacobeas Internacionais: a hospitalidade no Camiño de Santiago”, promovido pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela.

Así mesmo, tamén se levarán a cabo importantes iniciativas relacionadas coa conservación do patrimonio e actuacións orientadas a mellorar a acollida dos peregrinos, algunhas delas xa postas en marcha como o Plan de Actuación do Monte do Gozo, a rehabilitación da Casa de Pasarín na Fonsagrada como albergue de peregrinos ou o novo albergue da cidade de Ourense.

Datos récord no número de peregrinos

Estas actividades especiais están dirixidas a continuar coa tendencia positiva no número de peregrinos que chegan a Compostela. Neste sentido, no que vai de ano xa se recibiron 119.046 peregrinos, un 7,36% máis que no mesmo período do ano pasado, tendo en conta que en 2015 xa se batera un máximo histórico nun ano non santo ao contabilizar 262.515, un 10,31% máis que os que chegaron en todo 2014.

Arriba