18 xul 2016

O tren de luxo máis espazoso do mundo, o Al-Andalus, chega a Compostela dende Madrid por primeira vez na súa historia

Esta viaxe marca un fito de grande importancia para Galicia e para o Camiño de Santiago ao ter saída da comunidade española da que proceden máis peregrinos

Realizará outro percorrido o 6 de agosto e os usuarios viaxan durante 7 días en suites para descubrir paisaxes xunto cunha proposta gastronómica de primeira

Enmárcase na oferta do programa turístico ‘Galicia a todo tren’, que este verano celebra a súa cuarta edición con dúas novas rutas que se suman ás sete existentes

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o xerente da Área Comercial e Servizo de Atención ao Cliente de RENFE, Javier Díaz, visitaron o tren Al-Andalus, o tren de luxo máis amplo e espazoso do mundo, que chegou hai uns días a Compostela.

Esta viaxe marca un fito histórico de grande importancia para a Comunidade e para o Camiño de Santiago. É a primeira vez na historia que este convoi viaxa entre Madrid, a comunidade autónoma española de onde procederon máis peregrinos en 2015, e Santiago de Compostela, meta xacobea. O convoi efectuará de novo este percorrido o vindeiro 6 de agosto.

A viaxe ten unha duración de 7 días e inclúe desprazamentos, aloxamento en cabinas con equipamento completo, excursións con guía e restauración a bordo ou nos restaurantes máis selectos do itinerario. Ten capacidade para un total de 64 persoas distribuídas en 32 suites de diferentes tipoloxías integradas en sete coches, cinco deles construídos en Francia a finais dos anos vinte e que conforman un tren de inspiracións Belle Époque convertido nun dos principais atractivos turísticos ferroviarios nacionais.

Este tren turístico de luxo combina unha gran oferta gastronómica de primeiro nivel coa oportunidade de descubrir paisaxes e de realizar numerosas actividades relacionadas co turismo cultural.

Programa “Galicia a todo tren”

O Tren Al Andalus forma parte do programa de trens turísticos "Galicia a todo tren”, unha iniciativa conxunta da Xunta de Galicia, RENFE e Deputación de Ourense a través do INORDE que este verán celebra a súa cuarta edición.

Este verán increméntase a oferta global en 84 prazas grazas aos bos resultados obtidos na edición anterior, na que se obtivo unha ocupación do 87%, superando os 2.200 pasaxeiros, fronte aos 600 da primeira tempada, e cun incremento de cinco puntos porcentuais con relación a 2014.

Ademais, este verán póñense en marcha dúas novas rutas, a “Termal e do Camiño do Norte a Santiago” e a da “Lamprea e o viño do Condado”, que se unen ás sete existentes: a dos Faros, entre Ferrol e Ribadeo; a dos Pazos e Xardíns Históricos, entre Santiago e Vigo; e as cinco Rutas do Viño que percorren as zonas das Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras, territorios nos que se producen os viños galegos con denominación de orixe.

Desta maneira, en distintas datas entre xuño e outubro de 2016, un total de nove trens turísticos percorrerán outros tantos itinerarios temáticos. Cada unha das rutas pode realizarse nun día e, ademais da viaxe en tren, ofrecen desprazamentos en autobús de ida e volta entre a estación de ferrocarril e o recurso turístico a visitar, xunto con actividades complementarias como paseos en catamarán e o acceso e as visitas guiadas especializadas a xardíns, adegas ou museos.

Esta oferta compleméntase, un ano máis, co “Tren do Peregrino”, o “Tren dos Balnearios” e o “Galicia Rail Pass”, a través dos cales se pode, respectivamente, vivir a experiencia do Camiño de Santiago, gozar do termalismo galego ou desprazarse en tren por toda Galicia para coñecer os seus múltiples recursos.

Arriba