02 ago 2016

O proxecto europeo ‘Saber Universal’ impulsará o turismo accesible do Camiño de Santiago

Onte e hoxe tenlugar a primeira reunión coa que comezarán as actividades previstas no proxecto

O obxectivo é a promoción do turismo accesible mediante a mellora de instalacións e servizos para turistas con necesidades especiais establecidos ao longo de dúas rutas de peregrinación, o Camiño Francés de Santiago en España, e o Camiño de San Benedito, en Italia

Turismo de Galicia participará en todas as actividades programadas e encargarase directamente da organización de dous seminarios e da elaboración dun estudo que permita identificar os operadores turísticos e os mercados especializados en ocio para persoas con discapacidade

Esta semana arranca en Rieti, Italia, o proxecto europeo SABER UNIVERSAL aprobado o pasado 1 de xuño no marco da convocatoria da Dirección Xeral de Investigación e Innovación da Comisión Europea para o Programa COSME e do cal Turismo de Galicia é membro.

Este proxecto SABER UNIVERSAL -acrónimo de Santiago, St.BEnedict - Route Universal- ten como obxectivo principal a promoción do turismo accesible mediante a mellora de instalacións e servizos para turistas con necesidades especiais establecidos ao longo de dúas rutas de peregrinación, o Camiño Francés de Santiago en España, e o Camiño de San Benedito, en Italia.

O partenariado, que celebra onte e hoxe a súa primeira reunión coa que comezarán as actividades previstas no proxecto, esta conformado polo seguintes socios: Comune Rieti (Italia), Turismo de Galicia (España), S-cape Travel (España), Free Wheels Onlus (Italia), Cart´Armata Edizioni (Italia) e Azienda speciale Centro (Italia).

No marco deste programa, que terá unha duración total de 18 meses, desenvolveranse unha avaliación do punto de situación dos servizos e instalacións existentes nas rutas de peregrinación, unha formación de operadores turísticos co obxectivo de concienciar da importancia da accesibilidade, o deseño dunha oferta de turismo accesible, o desenvolvemento de paquetes turísticos accesibles nos destinos así como accións de comunicación e difusión das actividades desenvolvidas.

Turismo de Galicia participará en todas as actividades programadas, e encargarase directamente da organización de dous seminarios, un de eles o de peche do proxecto no que serán presentados os resultados, e da elaboración dun estudo que permita identificar os operadores turísticos e os mercados especializados en ocio para persoas con discapacidade.

Arriba