21 nov 2016

A aplicación móbil do Camiño de Santiago posta en marcha pola Xunta suma xa máis de 7.300 descargas

Esta aplicación, que nace no marco do proxecto Smart Camiño, constitúe unha mostra máis da aposta da Xunta de Galicia pola incorporación da innovación, a calidade e a competitividade no sector turístico

O obxectivo é acompañar e guiar aos peregrinos con información sobre cada unha das rutas oficiais do Camiño de Santiago desde a súa entrada en Galicia

A aplicación móbil do Camiño de Santiago posta en marcha o pasado mes de maio por Turismo de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) suma xa un total de 7.344 descargas.

A aplicación, que nace no marco do proxecto Smart Camiño, constitúe unha mostra máis da aposta da Xunta de Galicia pola incorporación da innovación, a calidade e a competitividade no sector turístico.

A través desta aplicación móbil pioneira, que ten como obxectivo acompañar aos peregrinos na súa viaxe a Compostela e ser a súa guía, estes poden obter información sobre todas as rutas oficiais do Camiño de Santiago desde a súa entrada en Galicia: Camiño Francés, Ruta Fisterra-Muxía, Vía da Prata, Camiño Portugués, Camiño Inglés, Camiño Primitivo, Camiño do Norte, Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, e Camiño de Inverno.

Os peregrinos dispoñen, así, en tempo real, de toda a información que necesitan en cada momento sobre os trazados oficiais das rutas xacobeas, a Rede Pública de Albergues coas súas características, horarios, localización, teléfono e fotografías; información sobre os eventos culturais -festas, concertos, talleres, etc- así como información detallada de todos os recursos turísticos -descrición, localización e imaxes-.

Así mesmo, os peregrinos poden consultar nela onde comer, onde aloxarse e que visitar en cada un dos tramos do Camiño coñecendo a ampla oferta dos establecementos turísticos cos que conta.

Ademais, a aplicación permítelles coñecer información meteorolóxica –ofrecida por Meteogalicia- así como datos de contacto e dirección dos centros de saúde e emerxencias.

Por outra parte, a plataforma dixital conta cun servizo de realidade aumentada que permite, a través da cámara do móbil, visualizar todos os puntos de interese situados nas proximidades.

No apartado ‘Meu diario’, os peregrinos poden gardar os momentos máis importantes do Camiño, a través de notas de texto e fotografías, para posteriormente, a través da funcionalidade do portal ‘A miña experiencia’ crear o seu propio libro dixital.

A aplicación está dispoñible nos idiomas galego, español e inglés e a maior parte das súas funcións poden ser empregadas sen necesidade de cobertura no móbil.

Arriba