23 xan 2017

Os trens turísticos de Galicia incorporan dúas novas rutas que potenciarán o turismo urbano

Súmanse ao programa o “Tren Ourense termal” e o “Tren da Coruña” cos cales circularán pola nosa comunidade un total de 11 trens turísticos, cunha previsión de 56 saídas

Outra das novidades é a reestruturación do Tren Termal e do Camiño do Norte, que pasará a denominarse “Lugo romano”, e o da Ruta da Lamprea, que incluirá unha visita á cidade de Tui

Nava Castro destacou que este programa é un exemplo para a posta en valor dos recursos e os produtos turísticos do noso territorio

Durante o ano 2016 os trens turísticos de Galicia alcanzaron un 88,30% de ocupación recibindo a viaxeiros de 19 nacionalidades distintas
 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou en Madrid no marco de FITUR a nova edición de ‘Galicia a todo tren’, o programa dos trens turísticos da Comunidade galega.

Como novidades, para a tempada de 2017, Nava Castro anunciou a ampliación de rutas destacando que neste ano circularán en Galicia un total de 11 trens turísticos, dous máis que o ano pasado, cunha previsión de 56 saídas.

Desta forma, segundo explicou, este ano poñerase en funcionamento o “Tren Ourense termal” e o “Tren da Coruña”.

A responsable de Turismo da Xunta sinalou que o percorrido no primeiro caso, será o itinerario da vía de ferrocarril entre Santiago de Compostela e Ourense, cidade onde os viaxeiros realizarán unha visita guiada que lles axudará a interpretar o importante patrimonio histórico ourensán e unha inmersión na súa cultura como cidade termal, podendo gozar das súas afamadas instalacións. “A segunda novidade para 2017 será a do tren que unirá Santiago de Compostela coa Coruña, e que permitirá aos viaxeiros descubrir os atractivos desta cidade”, engadiu.

Nava Castro resaltou que con estas dúas últimas incorporacións, búscase potenciar o turismo urbano en Galicia e por iso, manifestou, poñeranse a disposición dos usuarios facilidades. “Así, para o Tren Termal, previmos servizos ferroviarios de aproximación gratuítos desde A Coruña e Vigo ata Santiago, e para o Tren da Coruña, desde Vigo e Ourense”, explicou.

A directora de Turismo de Galicia anunciou ademais a reestruturación do Tren Termal e do Camiño do Norte, que pasará a denominarse “Lugo romano”, e o da Ruta da Lamprea, que incluirá unha visita á cidade de Tui.

Ademais, segundo sinalou, este ano os itinerarios e cronogramas do resto dos trens turísticos tamén serán revisados e modificados en diversos aspectos técnicos e nalgunha das visitas programadas coa intención de acomodarse ás suxestións e demandas que realizaron os viaxeiros durante o ano 2016. “Pretendemos, desta maneira, mellorar a oferta turística global deste exitoso programa e poder seguir suscitando o interese dos nosos visitantes”, manifestou.

Produto de éxito
Así mesmo, na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia lembrou que este foi un proxecto turístico pioneiro que se iniciou no ano 2013 e que grazas á cooperación institucional entre RENFE, a Deputación de Ourense e Turismo de Galicia cinco anos despois o programa dos trens turísticos de Galicia é un exemplo para a posta en valor dos recursos e os produtos turísticos do noso territorio. “Foi unha aposta decidida que en só dúas edicións pasou de dúas rutas, coas que se iniciou o programa en 2013, ás sete do ano 2014, ata chegar ás nove da última edición”, resaltou.

Neste senso, Nava Castro sinalou que hoxe Galicia conta cun completo programa de trens turísticos distribuído por toda a Comunidade que permite vertebrar na tempada de maior demanda os principais valores da nosa oferta turística a través da rede ferroviaria galega.

Alta demanda e satisfacción
A responsable de Turismo da Xunta evidenciou o éxito dos trens turísticos de Galicia cos seus datos de ocupación. “Durante o ano 2016 alcanzaron un 88,30% de ocupación de xuño a setembro recibindo a viaxeiros de 19 nacionalidades distintas”.

Así mesmo, destacou o grao de satisfacción dos usuarios os cales dan unha valoración global do produto de 8,4 puntos sobre 10. “E algo moi importante, o 97,7% dos viaxeiros recomendarían o produto”, concluíu.

Arriba