Nava Castro afirma que o decreto que regulará as vivendas de uso turístico ofrecerá seguridade xurídica tanto aos turistas como aos propietarios
A directora de Turismo de Galicia foi entrevistada no programa Bos Días da TVG onde destacou que se trata dunha normativa moi demandada tanto desde o sector de aluguer de vivendas de uso turístico como desde o sector hoteleiro, as administracións, consumidores e usuarios
A responsable de Turismo da Xunta incidiu en que o decreto foi remitido a todas as asociacións de hospedaxe así como a asociación de vivendas FEVITUR, as cales realizaron as alegacións que consideraron pertinentes
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que o novo decreto que regulará a partir do 10 de maio as vivendas de uso turístico ofrecerá seguridade xurídica tanto aos turistas como aos propietarios. Fixo estas declaracións nunha entrevista no programa Bos Días da TVG na que sinalou que se trata dunha normativa moi demandada tanto desde o sector do aluguer de vivendas de uso turístico como desde o sector hoteleiro, as administracións, consumidores e usuarios.
A directora de Turismo de Galicia explicou que o decreto é necesario debido á modificación que o Estado realizou en 2013 na Lei de Arrendamentos Urbanos a partir da cal as Comunidades Autónomas teñen competencia exclusiva para a regulación de vivendas de alugueiro de uso turístico. Así, resaltou que xa existía un decreto que regulaba os apartamentos turísticos e vivendas turísticas, sendo a principal novidade desta norma a introdución das vivendas de uso turístico. Neste senso, recalcou que non podemos confundir estes tres tipos de aloxamentos xa que no caso dos apartamentos e vivendas turísticas os requisitos son moito máis esixentes.
Nava Castro sinalou que a nova regulación só afecta as vivendas que se aluguen por períodos inferiores a 30 días e dúas veces ou mais ao ano, mantendo a regulación mediante a Lei de Arrendamentos Urbanos no resto dos casos. Así mesmo, quixo deixar claro que para o inicio da súa actividade, o decreto establece simplemente a obrigatoriedade de presentar unha declaración responsable ante a Área Provincial de Turismo de Galicia e a súa inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Comunidade Autónoma de Galicia (REAT).
A responsable de Turismo da Xunta de Galicia incidiu en que o decreto foi remitido a todas as asociacións de hospedaxe así como a asociación de vivendas FEVITUR, as cales realizaron as alegacións que consideraron pertinentes. Tamén manifestou que a Xunta de Galicia recibiu o seu agradecemento polas modificacións realizadas e por optar por un modelo de regulación tan flexible. Segundo sinalou, tamén participaron os representantes da Asociación de Consumidores e Usuarios e o sector de aloxamento turístico a través do Clúster de Turismo. “Foi sometido ao Consello de Turismo de Galicia e enviouse para o seu estudo aos grupos de traballo participando, de novo, o sector turístico, consumidores e usuarios, as administracións autonómicas e locais, a través da FEGAMP, as universidades e os sindicatos”, engadiu.
Por outra banda, sinalou que decreto non establece un réxime sancionador específico para estes establecementos, senón que o incumprimento do disposto nel dará lugar ás sancións que no seu caso correspondan conforme a Lei do turismo de Galicia.
Limitación das vivendas de uso turístico
En relación á competencia dos concellos respecto a este novo tipo de aloxamento, Nava Castro aclarou que para limitar as vivendas de uso turístico os concellos terán que facer un trámite de cambio no Plan Xeral que deberá ser aprobado por unanimidade pola corporación municipal, o cal leva consigo, segundo afirmou, “un proceso dilatado”.
Ademais, explicou que as comunidades de veciños poderán limitar as vivendas de uso turístico só a través dunha prohibición nos seus estatutos a cal debe ser aprobada por unanimidade.