27 feb 2017

O restaurante do CSHG acolle innovadoras propostas grazas aos proxectos fin de titulación dos alumnos do Diploma de Gastronomía Escoitar

Trátase unha das partes da formación práctica máis importante e relevante desta titulación do Centro Superior de Hostalería de Galicia que se caracteriza por ofrecer unha metodoloxía moderna e eficaz

A través desta práctica, os alumnos poñen en marcha un proxecto de viabilidade empresarial desenvolvendo diferentes modelos de negocio de restauración  

 O Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) caracterízase por ofrecer unha metodoloxía moderna e eficaz baseada nunha formación adaptada á realidade que combina teoría e práctica.

Nesta liña, unha das partes da formación práctica máis importante e relevante do Diploma de Gastronomía son os proxectos de fin de carreira que os alumnos do 2º curso poñen en marcha no restaurante á carta do propio Centro.

A través desta práctica, organizados en catro grupos, poñen en marcha un proxecto de viabilidade empresarial desenvolvendo diferentes modelos de negocio de restauración que eles mesmos deseñan previamente.

Os alumnos asumen a xestión integral do establecemento durante unha semana de xeito que o restaurante do Centro Superior de Hostalería de Galicia está a acoller dende este mes de febreiro ata o próximo mes de abril, catro innovadoras propostas.

Propostas innovadoras

Nesta semana, o restaurante do CSHG acolleu o proxecto Appert, un restaurante que destaca pola súa cociña baseada nos produtos en conserva.

Do 6 ao 10 de marzo será a quenda de Vínculo, un restaurante con ambiente desenfadado que respecta o produto de tempada combinando pratos tradicionais estranxeiros con auténticos sabores galegos.

Tamén no próximo mes –do 20 ao 24- o proxecto Mutare achegará unha orixinal proposta de restauración de corte moderna e minimalista que centrará a atención do cliente no prato todo ambientado con música jazz.

Por último, do 3 ao 7 de abril chegará o restaurante Paraná a través do cal os alumnos desenvolverán unha cociña galega contemporánea con influencia sudamericana co máximo respecto ao produto.

Arriba