Nava Castro destaca que o turismo continúa crecendo ao rexistrar en xaneiro a cifra de viaxeiros máis elevada dos últimos nove anos Escoitar
Resalta que a nosa Comunidade acadou en 2016 máximos históricos con case 5 millóns de viaxeiros aloxados e máis de 10 millóns de pernoitas
Refírese á internacionalización do destino Galicia xa que o turismo estranxeiro representou o pasado ano o 27,9% dos viaxeiros, unha cifra récord para a nosa comunidade
Lembra o crecemento experimentado no ámbito xacobeo evidenciado nos 278.232 peregrinos que recolleron a súa Compostela no 2016
Explica que estes datos son resultado da firme aposta do goberno galego pola promoción turística internacional
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento de Galicia onde fixo balance dos datos acadados no pasado ano 2016 así como da última edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur.
Durante a súa intervención, Nava Castro destacou a importancia do sector turístico para a economía galega sinalando que supón xa máis 11% do PIB de Galicia e o 12% do emprego da comunidade.
En relación á demanda turística rexistrada en Galicia no pasado ano 2016, resaltou que a nosa Comunidade acadou máximos históricos con case 5 millóns de viaxeiros aloxados e máis de 10 millóns de pernoitas. Neste marco, fixo referencia á internacionalización do destino Galicia xa que, segundo afirmou, o turismo estranxeiro rexistrou tanto no tocante aos viaxeiros como as pernoitas cifras históricas, con preto de 1,38 e 2,28 millóns respectivamente. “Con todo, o turismo internacional representou o 27,9% dos viaxeiros e o 22,7% das noites, máximos históricos para a nosa comunidade”, incidiu.
Así mesmo, falou do crecemento experimentado no ámbito xacobeo evidenciado nos 278.232 peregrinos que no pasado ano recolleron a súa Compostela, “cifra que supuxo un máximo histórico, ao superar a cifra do último Ano Santo 2010”, segundo manifestou.
Nava Castro afirmou que neste ano o turismo en Galicia continúa con esta tendencia de crecemento ao rexistrar no mes de xaneiro a cifra de viaxeiros máis elevada dos últimos nove anos.
Firme aposta pola promoción internacional
A responsable de Turismo da Xunta explicou que estes datos son resultado da firme aposta do goberno galego pola promoción turística internacional grazas a cal o turismo galego estivo presente nos principais mercados turísticos do mundo a través de certames como a ITB de Berlín; a World Travel Market de Londres ou Mundo Abreu de Lisboa.
“Ademais, situamos Galicia tamén nos mercados emerxentes de Xapón, Rusia, Brasil, ou Finlandia, entre outros, e participamos en feiras especializadas para a promoción específica dos produtos turísticos galegos máis punteiros”, engadiu.
Neste senso, Nava Castro destacou que cada ano Turismo de Galicia incrementa a súa participación internacional, de maneira que ao longo deste ano 2017 está prevista a asistencia a un total de 23 certames sectoriais.
Feira Internacional de Turismo de Madrid
No marco da promoción internacional Nava Castro fixo balance da 37ª edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, FITUR, un dos principais puntos de encontro global para o sector turístico e un dos certames turísticos de maior repercusión mundial.
Segundo sinalou, o expositor de Galicia rexistrou un máximo histórico de afluencia ao acoller a máis de 75.500 visitantes, 1.500 visitantes máis que no ano 2016. “Con todo, Fitur 2017 converteuse, un ano máis, no mellor escaparate para difundir e promover o destino Galicia”, manifestou.
FRONTUR
Por último, en relación ao datos obtidos pola Encuesta de Movimientos Turísticos en Frontera (FRONTUR), a directora de Turismo de Galicia explicou que esta sufriu un cambio metodolóxico fondo en outubro de 2015, momento no que pasou de executarse polo Instituto de Estudios Turísticos de Turespaña a ser competencia do Instituto Nacional de Estadística.
“Desde entón, esta operación fai calibrados individuais das estimacións para as seis primeiras Comunidades Autónomas de España e un calibrado conxunto para o resto, provocando que os resultados sexan consistentes para as comunidades líderes e o total estatal, pero non para comunidades como Galicia”, sinalou.