Turismo de Galicia porá en valor a contorna da ermida de Santa Lucía en Lobios
Preténdese garantir que os visitantes poidan gozar deste xeito do entorno natural de Riocaldo, destacado punto termal desta comarca da Baixa Limia
Achegaranse 59.500€ en virtude do convenio asinado esta mañá entre a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a alcaldesa desta localidade ourensá, María del Carmen Yáñez Salgado
As actuacións incluirán a posibilidade de uso do espazo público para promover alí actividades culturais, recreativas e artesanais
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez Salgado, asinaron un convenio de colaboración en virtude do cal, Turismo de Galicia achegará 59.500€ para a rehabilitación do entorno da ermida de Santa Lucía.
Preténdese así pór en valor esta capela, que forma parte do patrimonio histórico-artístico e etnográfico do concello de Lobios, e tamén acondicionar o espazo natural de Riocaldo, un destacado punto termal desta comarca da Baixa Limia.
As actuacións na contorna da Capela incluirán a demolición e retirada de pavimentos para a colocación doutros novos e instalación de canalizacións, nova iluminación do entorno e colocación de bancos e plantación de elementos arbóreos, entre outros.
Deste xeito, posibilitarase o uso deste espazo público e a promoción de actividades culturais, recreativas e artesanais nesta zona de elevado valor termal. E é que a capela está situada no entorno de Riocaldo, que debe o seu nome á temperatura das súas augas, que se elevan pola aportación de varios mananciais termais no seu recorrido, no que se encontran os Baños de Riocaldo, cun balneario e piscinas de augas fumeantes.
Gran valor termal
“Ao recuperar a contorna da zona buscamos atraer un turismo de calidade á área termal de Lobios, coa intención de garantir que os visitantes poidan gozar deste espazo natural, de extraordinario valor grazas á temperatura e as propiedades das súas augas”, explicou Nava Castro.
Recordando o destacado papel de Lobios no termalismo en Galicia indicou tamén que convenios como o asinado hoxe “axudarán a consolidar a súa fortaleza termal e estimulará así o potencial económico da comarca”.
Neste sentido, Nava Castro fixo mención á estratexia de Turismo de Galicia incluída no Plan de Turismo Termal 2014-2020 centrada en converter o termalismo nunha bandeira propia como opción turística de calidade que conxugue ocio e saúde.
Cualificou o Plan como a mellor ferramenta para estruturar a oferta, os recursos e os servizos, de tal xeito que conduzan á creación do destino Ourense, Provincial Termal. “Un obxectivo que se aliña co convenio que hoxe asinamos. Porque ademais sabemos que investir en acondicionar e mellorar os nosos recursos turísticos é unha aposta de futuro”, salientou.