Turismo de Galicia dota os muíños do Folón e do Picón dunha área de recepción de visitantes e aparcadoiro que pon en valor este conxunto patrimonial único en Europa
Nava Castro inauguro este novo espazo e outras melloras para as que Turismo de Galicia destinou 250.000 euros coa finalidade de mellorar os servizos dispoñibles no conxunto e impulsar o turismo no Baixo Miño
A través desta intervención habilitouse unha área de chegada, un aparcadoiro para turismos e autobuses, un punto limpo, aseos e unha zona de descanso
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou no Rosal a área de recepción de visitantes e o aparcadoiro dos Muíños do Folón e do Picón para os que a Xunta destinou un total de 250.000 euros.
Durante o acto, a responsable de Turismo da Xunta destacou que a dita intervención pon en valor este conxunto patrimonial, declarado Ben de Interese Cultural, do cal afirmou “constitúe un complexo histórico, etnográfico e industrial único en Europa”.
Neste senso, Nava Castro engadiu que, ademais, esta mellora potenciará a oferta turística da comarca do Baixo Miño.
Os traballos realizados nos Muíños do Folón e do Picón incluíron a creación dunha área de chegada, dunha zona de aparcadoiro para turismos e autobuses e dun punto limpo para que os visitantes deixen recollidos os residuos que xeren durante a súa visita.
Así mesmo, realizouse un pequeno volume que acolle uns aseos para uso dos visitantes e acondicionouse unha zona para charlas ao aire libre e descanso.
“Desta maneira, ademais de visitar o conxunto mediante unha ruta circular, poderanse realizar actividades complementarias e relacionadas co ocio e co turismo neste espazo natural”, explicou a directora de Turismo de Galicia.
De feito, o acto de inauguración complétase esta tarde ás 20:30 horas coa representación teatral ‘Historias peregrinas’ que terá lugar no propio conxunto patrimonial.
Para finalizar, Nava Castro aproveitou a ocasión para enxalzar o rico patrimonio de Galicia do cal afirmou “aglutina importantes tradicións e elementos etnográficos e da vida social e tradicional polos que debemos apostar para non perder esta cultura propia que nos identifica como pobo”.