Xunta e Estado despregan un dispositivo especial de seguridade no Camiño durante a Semana Santa
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron este operativo
vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron en Portomarín o dispositivo especial de seguridade no Camiño para a Semana Santa. Este reforzo inscríbese no marco do convenio de colaboración subscrito entre o Ministerio do Interior e Turismo de Galicia, no que se inclúe tamén outro operativo especial para o verán.
A Policía Autonómica ten despregado un total de 16 patrullas ao longo de seis rutas (Camiño Francés, Portugués, Inglés, Fisterra-Muxía, Norte e Primitivo, e Vía da Prata). O seu labor de vixilancia fará especial fincapé, en colaboración con Patrimonio, no control de negocios ilegais. Este reforzo complementa o labor de protección que a Policía Autonómica desenvolve no Camiño ao longo de todo o ano. Proba deste traballo son os datos de 2016, durante o que se realizaron máis de 800 dispositivos relacionados con esta materia, con máis de 150 denuncias.
Pola súa banda, a Delegación de Goberno reforza o seu operativo de seguridade con motoristas da Garda Civil de Tráfico, do Seprona, cinco cabalos do escuadrón de cabalería da Garda Civil, e un xendarme francés que realizará patrullas mixtas e labores de seguridade cidadá.
Ademais, e tamén no marco do convenio entre Interior e a Axencia de Turismo, repartirase un ano máis material reflector aos peregrinos, como medida de prevención e concienciación. Este material estará dispoñible nos albergues de inicio de Camiño no Cebreiro, A Gudiña, Verín, Tui, Ribadeo, Padrón, A Fonsagrada e Sarria.
Esta iniciativa, que se basea na colaboración entre administracións para sumar medios e ser máis eficaces, ten como principal obxectivo garantir a seguridade de todos os peregrinos. Ao respecto, cómpre lembrar que o ano 2016 rematou cunha afluencia histórica de peregrinos, cun total de 277.854, un dato superior ao rexistrado no último Xacobeo de 2010.