Nava Castro inaugura o centro de visitantes do espazo natural protexido Pena Trevinca en A Veiga
A nova instalación é froito dun convenio de colaboración co concello a través do cal Turismo de Galicia achegou un total de 90.000 euros
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou o Centro de Visitantes do espazo natural protexido Pena Trevinca, na aldea tradicional de alta montaña de Ponte en A Veiga.
A nova instalación é froito dun convenio de colaboración co concello, a través do cal, Turismo de Galicia achegou un total de 90.000 euros que permitiron o acondicionamento da contorna desta aldea, as obras de rehabilitación da Casa Escola, así como a instalación de cartelería informativa.
Segundo explicou Nava Castro, o centro facilitará o coñecemento de Pena Trevinca pero ademais ofrecerá multitude de opcións: percorridos naturais, etnográficos, e deportivos, accións de formación, así como actividades de turismo activo. “Un compendio de oportunidades que, sen dubida, incrementarán o atractivo do xeodestino Manzaneda Trevinca”, afirmou. Ademais, segundo sinalou, unha oferta de sendeiros únicos en Galicia complementan esta oferta natural e turística.
A responsable de Turismo da Xunta afondou durante a inauguración nos numerosos recursos turísticos que atesoura este xeodestino ourensán facendo referencia ao parque natural da Serra da Enciña da Lastra, o val do río Navea, o Macizo Central, a vila de Manzaneda e, por suposto, ao espazo declarado Rede Natura Pena Trevinca, entre outros.
Neste senso, destacou que as montañas de Pena Trevinca conforman o único macizo de Galicia que excede os 2.000 metros de altitude, constituíndo un gran reclamo turístico.
Destino Starlight
Por outra parte, a responsable de Turismo da Xunta resaltou a importancia da certificación Starlight obtida por A Veiga que avala ao concello como destino turístico astronómico.
Nava Castro explicou que esta certificación constitúe un selo de calidade que acredita que este concello ourensán posúe unha boa calidade do firmamento como parte do seu patrimonio natural, paisaxístico, cultural ou científico. “A Veiga uniuse, así, a un mapa no que só están outros 13 puntos no planeta, o selecto club dos mellores lugares para gozar do ceo, sen dubida, un privilexio para toda Galicia”, sinalou.
Estratexia 2020
Con todo, a responsable de Turismo da Xunta afirmou que o xeodestino Manzaneda-Trevinca está a contribuír a acadar a consolidación da nosa comunidade como un destino ambiental, social e economicamente sostible.
Neste senso, informou de que este é un dos obxectivos da nova Estratexia de Turismo de Galicia co horizonte no 2020 a cal dedica a súa primeira liña estratéxica á paisaxe, os recursos naturais e a sustentabilidade sendo o eixo que conta con maior presuposto dentro desta folla de ruta para os próximos catro anos, concretamente, un 37% do total do investimento.