Nava Castro salienta o papel do turismo enolóxico na posta en valor das paisaxes e recursos patrimoniais galegos
A directora de Turismo de Galicia participou nunha visita a unha adega, actividade incluída nas VI Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viños Galegos que se celebran esta fin de semana nas D.O de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras
A iniciativa celebrouse xa nas D.O de Rías Baixas e do Ribeiro e inclúe catas comentadas ou visitas a museos do viño, entre outras
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou o destacado papel que o turismo enolóxico está a ter na posta en valor dos recursos naturais e patrimoniais de Galicia.
Así o manifestou durante a súa visita á adega Gargalo da D.O de Monterrei, actividade incluída nas Xornadas de Portas Abertas dos Viños Galegos, que, despois de celebrarse na zona de Rías Baixas e do Ribeiro, tiveron lugar a pasada fin de semana nesta denominación de orixe e nas da Ribeira Sacra e Valdeorras.
A responsable de Turismo da Xunta asegurou que este tipo de turismo estase a converter nun dos nosos principais reclamos, xa que, a través do viño outorga unha “experiencia orixinal ao englobar unha infinidade de posibilidades para todos os gustos”, indicou.
Produtos turísticos diferenciadores
Referiuse, ademais, á aposta do seu departamento –incluída na Estratexia do Turismo 2020- por continuar consolidando e promovendo os produtos turísticos diferenciadores e vencellados á enoloxía porque “melloran o nivel competitivo do sector turístico e repercute na economía xerando imaxe de destino”, indicou.
A directora de Turismo de Galicia participou deste xeito nunha das actividades da VI edición das Xornadas de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia, que se está a celebrar esta fin de semana, e que o pasado fin de semana acadou un éxito de público nas D.O das Rías Baixas e no Ribeiro.
A iniciativa inclúe un completo programa de actividades de enoturismo, que inclúe visitas guiadas gratuítas ás adegas de cada unha das cinco denominacións de orixe, así como a participación en catas e degustacións.
Tamén se inclúe un programa especial de actividades, como os venres de tapeo, catas comentadas, visitas a museos do viño, rutas monumentais, paseos en barca ou trens turísticos, entre outras actividades. Ademais, varios restaurantes ofrecen menús especialmente elaborados para a ocasión e tamén se pon a disposición dos visitantes o bus do viño para facilitar o acceso ás actividades aos visitantes.