24 xul 2017

As iniciativas dixitais do Smart Camiño consolidan o seu interese crecente entre os peregrinos no primeiro semestre do ano

A web e a app gratuítas para planificar e realizar a ruta xacobea gañan usuarios, cun alto nivel de fidelización e unha duración media das visitas moi elevada 

A s distintas iniciativas enmarcadas no plan Smart Camiño, desenvolvido conxuntamente por Turismo de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), está a consolidar o seu interese entre os peregrinos, que cada vez empregan máis a tecnoloxía como apoio no seu percorrido polo Camiño de Santiago. No primeiro semestre de ano, as distintas opcións dispoñibles, web, app móbil e conexión WIFI nos albergues da rede pública, experimentaron un crecemento.

No caso da páxina web do Camiño de Santiago, a curva de crecemento mantívose constante desde principios de 2017, con preto de 110.000 sesións e ao redor de 80.000 usuarios, cunha fidelización moi próxima ao 30%. En relación ao uso que os usuarios fan da páxina, na que se recollen todos os aspectos precisos para descubrir, preparar e planificar a ruta xacobea, cómpre subliñar dous datos: a duración media da sesión de visita é moi elevada, con máis de seis minutos por persoa. Desta cifra se pode concluír que os contidos que atopan na web resultan de interese e satisfán as necesidades creadas. Do mesmo xeito, a chamada porcentaxe de rebote é baixa. Isto significa que os visitantes non abandonan decepcionados o portal pouco despois de entrar. Ao contrario, a maioría deles visitan máis dunha páxina.

En canto a aplicación móbil do Camiño de Santiago, apta para as plataformas iOS e Android de maneira gratuíta e con información a tempo real, a evolución nos seis primeiros meses do ano tamén resulta destacada. Dispoñible en galego, castelán e inglés, suma máis de 6.000 descargas só nese período e continúa a ser a máis descargadas das aplicacións de Turismo de Galicia.

A app contén o trazado, a descrición, fotografías e información útil dos diferentes itinerarios xacobeos, dos albergues, dos recursos turísticos e dos distintos eventos. O peregrino pode consultar nela horarios, localización ou teléfonos en cada tramo. Ademais, ten acceso ás condicións meteorolóxicas e ás direccións e contactos dos centros de saúde e emerxencias. A maior parte das súas funcións están dispoñibles sen necesidade de cobertura no móbil.

WIFI para máis de 60.000 peregrinos nos albergues

Outra mellora impulsada gracias ao Smart Camiño é a dotación de conexión WIFI na Rede Pública de Albergues. O seu uso non deixa de medrar. Así, en xaneiro conectáronse a ela máis de 3.500 usuarios e no pasado mes de xuño a cifra disparouse ata máis de 18.500. En total, neste tempo, foron preto de 60.000 peregrinos aloxados os que se conectaron a ela.

Smart Camiño é unha das iniciativas enmarcada no Plan director do Camiño de Santiago, cuxa folla de ruta está a desenvolver numerosas melloras. Do seu orzamento de máis de 60 millóns de euros, xa foi executado ao redor do 60%. Os seus obxectivos, coa vista posta no próximo Xacobeo 2021, están aliñados coa Estratexia do turismo de Galicia 2020.

 

Arriba