30 ago 2017

O novo albergue de peregrinos da Fonsagrada supera o 76% de ocupación nas súas primeiras semanas en funcionamento

 
Preto de 750 peregrinos fixeron noite na nova infraestrutura do Camiño Primitivo, inaugurada polo presidente da Xunta o pasado día 7 de agosto na Casa Pasarín
 
 
Turismo de Galicia investiu máis de 600.000 euros na rehabilitación deste edificio histórico do casco vello deste concello lugués como espazo de acollida xacobea
 

 recibiu xa preto de 750 camiñantes, o que supón unha ocupación superior ao 76%. A infraestrutura, inaugurada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o pasado 7 de agosto, tivo nas súas primeiras semanas unha grande acollida por parte dos seus usuarios do Camiño Primitivo, con preto de 750 prazas ocupadas neste período para poder facer noite ao seu paso por este concello lugués.

O albergue, que dispón de 42 prazas diarias, sitúase na Casa Pasarín, un dos edificios máis emblemáticos da Fonsagrada, de cuxa rehabilitación encargouse Turismo de Galicia. As obras de recuperación do inmoble tiveron un resultado moi eloxiado desde o mesmo día da súa inauguración. Coa súa apertura, a veciñanza recupera un espazo histórico ata agora abandonado. Na súa remodelación, o Goberno galego investiu máis de 600.000 euros.

Entre as reformas levadas a cabo, uniformáronse os niveis das plantas baixa e primeira e substituíuse parte da fachada oeste, reemprazouse unha parte da fachada sur por unha galería, melloráronse as condicións de iluminación e ventilación dos patios interiores, incorporáronse melloras de accesibilidade, restauráronse os elementos arquitectónicos e as pinturas murais do edificio e dispuxéronse tres dormitorios para descanso de 42 peregrinos.

Este novo albergue leva por nome Ramón Rodríguez, un sacerdote da Fonsagrada que dedicou gran parte da súa vida a dar a coñecer esta ruta e esta vila. A súa apertura amplía a oferta de aloxamento dispoñible no Camiño Primitivo como parte do compromiso da Xunta no marco do Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, aprobado en 2015 despois da declaración do Camiño Primitivo e o do Norte como Patrimonio Mundial da Unesco.

Preto dun 14% máis de peregrinos

No que vai de ano, máis de 10.000 persoas percorreron o Camiño Primitivo, cifra que supón un aumento de preto do 14% sobre o mesmo período do 2016. A importancia deste itinerario xacobeo non deixa de medrar, de aí a preocupación de Turismo de Galicia por mellorar as súas infraestruturas, que se suma ás labores de mantemento, recuperación e sinalización.

 

Arriba