31 ago 2017

Galicia acada un novo récord de turistas con 2,7 millóns tras o incremento da demanda experimentado en xullo

 O primeiro balance parcial do verán deixa boas perspectivas, cun máximo histórico de pernoitas en xullo ata máis de 1,7 millóns, un incremento do 2% respecto a 2016

 
O turismo internacional volve bater as súas marcas e xa acada nos sete primeiros meses do ano preto de 1,3 millóns de noites, un 11% máis que o ano anterior

O interese dos turistas por Galicia segue medrando e acada un novo máximo histórico. A Comunidade galega recibiu no que vai de ano 2,7 millóns de viaxeiros, cifra que constitúe un récord ao incrementarse un 3,2% sobre o mesmo período do ano pasado. Tras o notable crecemento do primeiro semestre, o verán está a confirmar esta tendencia e eleva as pernoitas ata as 5,35 millóns, un 5,6% máis.

O turista internacional segue presentando incrementos por riba da media, pois incrementa a cifra de viaxeiros nun 6,4% ata preto dos 775.000 e o nivel de pernoitas un 11% ata os 1,3 millóns, rexistros nunca antes acadados. No obstante, tamén o turismo nacional continúa a crecer na Comunidade, en concreto un 2% na cifra de turistas e un 4% na de pernoitas.

Nos sete primeiros meses do ano, elévase a demanda en modalidades de aloxamento como os hoteis, os apartamentos turísticos e o turismo rural. De feito, os primeiros representan o 68% da demanda total, seguidos das pensións, os cámpings, os apartamentos turísticos e o turismo rural. Así se pon de manifesto no informe difundido hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) coa enquisa de ocupación en aloxamentos turísticos regrados.

Os datos coñecidos permiten facer un primeiro balance parcial do verán, ao dispoñer dunha visión global de xullo, mes no que a demanda turística medrou novamente un 2%. Gracias a isto, as pernoitas acadaron un máximo histórico de máis de 1,7 millóns, con máis de 700.000 turistas que permiten manter o bo comportamento característico dos últimos anos no sector.

Peso do mercado internacional

No sétimo mes do ano, o turismo internacional incrementou un 3,6% a súa cifra de visitantes e un 9,2% as súas pernoitas. Suman en total preto de 190.000 viaxeiros e 350.000 noites. E aínda que o turista nacional continúa a ter máis peso na temporada alta, a diferencia entre ambos redúcese ao elevar os estranxeiros o seu peso ata o 26% dos turistas aloxados.

O 72% da demanda ao longo do mes de xullo concentrouse nos establecementos hoteleiros. Os hoteis experimentaron unha subida do 8,7% e os apartamentos turísticos do 11%.

Os datos coñecidos continúan a facer posible a consecución dos obxectivos da Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta na que a Xunta e o sector planifican o crecemento previsto ata o Xacobeo 2021. Esta estratexia aposta pola calidade e a sustentabilidade para consolidar Galicia como un destino tranquilo, cunha oferta diversificada e especializada, que aproveita os seus mellores recursos endóxenos e desestacionaliza así a súa demanda.

 

Arriba