Cores Tourís visita o Pazo da Buzaca que participa no Outono gastronómico 2017
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que outros 25 establecementos máis da provincia tamén colaboran nesta iniciativa que ofrece prezos moi competitivos e opcións de aloxamento e restauración que se adaptan ás necesidades e os gustos dos distintos viaxeiros
Esta visita coincide co Día Mundial do Turismo, centrado este ano na sostenibilidade
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís visitou esta mañá o Pazo da Buzaca en Moraña, establecemento que participa este ano na nova edición do Outono Gastronómico, coincidindo co Día Mundial do Turismo que este ano se centra na sostenibilidade.
Preto de 26 establecementos da provincia de Pontevedra, dos case 90 que participan en toda Galicia, forman forman parte desta consolidada iniciativa de turismo rural que se celebra do 15 de setembro ao 17 de decembro na nosa Comunidade e na que se combinan restauración e aloxamento con modalidades e prezos moi atractivos.
“Cando un proxecto se mantén ao longo de tantas edicións é, sen dúbida, polo seu éxito e a súa aceptación entre a xente”, comentou Cores Tourís, que lembrou que o Outono Gastronómico é “unha excelente oportunidade para atraer turistas de fóra, pero tamén para que os propios galegos poidan descubrir e gozar de paisaxes e comarcas que aínda non coñezan”.
Os establecementos participantes ofrecerán dous menús, con produtos galegos de recoñecida calidade, deseñados especificamente para o Outono Gastronómico. Ademais, co fin de adaptarse aos gustos e ás necesidades dos diferentes tipos de viaxeiros, propóñense as modalidades Menú Outono Gastronómico sen pernoitar, Paquete Outono Gastronómico para unha noite, Fin de semana Outono Gastronómico para dúas noites e Fin de semana familiar Outono Gastronómico para dúas noites con nenos. Todas as opcións ofértanse tanto en habitación dobre como en individual, e con tarifas que oscilan entre os 30 e os 300 euros.
O delegado territorial destacou esta iniciativa coincidindo coa celebración do Día mundial do Turismo que este ano se centra na sustentabilidade. “De feito, o sector turístico pode contribuír aos tres pilares da sostenibilidade, o económico, o social e o do medio ambiente”, matizou Cores Tourís, “xa que non podemos esquecer que o turismo propicia unha mellor calidade de vida, o fortalecemento da protección do medio ambiente, a defensa do patrimonio e a promoción da paz”.
Cores Tourís destacou o aumento de visitantes “espectacular” rexistrado este ano, “moito mellor que o pasado no que xa as cifras foron de récord”. En 2017 subiu a estancia media un 5,7% por terceiro ano consecutivo, e a ocupación tamén nun 3,3%, con 2,4 millóns de visitantes entre xaneiro e xullo “e agardamos datos moi bos para o resto do verano”.
Neste mesmo senso, tal e como engadiu o delegado territorial, “iniciativas como o Outono Gastronómico colaboran á sostenibilidade xa que permite “durmir en edificacións con moito encanto e historia, situadas en paraxes tranquilos onde desconectar da rutina como é éste do Pazo da Buzaca que hoxe visitamos en Moraña”, explicou Cores Tourís, quen puido comprobar os menús que este establecemento ofrece aos visitantes do Outono Gastronómico: o primeiro composto de ensalada morna de fungos con queixo de cabra, revolto de centola e verduras, taco de bacallau e sopa de chocolate, e o segundo realizado con milfollas de hortalizas e cogomelos, vieira gratinada, escalopiños de cervo e flan caseiro de laranxa.
Os interesados nesta iniciativa poderán atopar completa información nas guías promocionais dispoñibles nas oficinas de turismo, nos propios establecementos e noutros espazos de interese. Tamén a través das redes sociais, nas que haberá concursos con estancias como agasallo, ou na páxina web turismo.gal, que dispón do apartado outonogastronomico2017.com con todos os detalles.
O Outono Gastronómico contribúe a afondar na liña de desestacionalización da demanda turística, tal e como se fixa na Estratexia do turismo de Galicia 2020, o documento acordado entre a Xunta e o sector que recolle os compromisos, retos e as oportunidades neste eido.