02 out 2017

A revista de investigación xacobea ‘Ad Limina’ acada a súa inclusión no índice de publicacións máis prestixioso de Europa

Editada anualmente polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, ‘Ad Limina’ xa figuraba ademais no índices e bases de datos Rebiun, Dialnet, Latindex, OCLC-World Cat e Regesta Imperil, aos que se suma agora ERIH Plus

 A revista Ad Limina: revista de investigación do Camiño de Santiago e as peregrinacións, editada anualmente por Turismo de Galicia e coordinada polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, figurará a partir de agora no índice de revistas máis prestixioso de Europa: Erih Plus.

O estrito control de calidade dos seus artigos, sometidos ás normas científicas que garanten o seu rigor e méritos, levou a que a publicación estea xa incluída nos máis relevantes índices e bases de datos de revistas nacionais e internacionais: Rebiun, Dialnet, Latindex, OCLC-World Cat e Regesta Imperii. Agora súmase a aprobación para a súa inclusión no índice de revistas ERIH Plus, que outorgou este recoñecemento nos ámbitos da Historia, Historia da Arte, Literatura e Investigación Interdisciplinar en Humanidades.

A inclusión de Ad Limina nestes índices supón unha gran satisfacción, pois consolídase como a máis importante publicación científica do Camiño de Santiago e as peregrinacións e, polo tanto, unha referencia ineludible para calquera estudoso e interesado neste eido.

Recentemente publicouse o seu oitavo número, que afonda nunha breve pero intensa traxectoria, desde a súa aparición en 2010. Isto, unido á excelente calidade de edición da revista, testemuña a importancia que Turismo de Galicia, a través do Xacobeo, lle concede á investigación de alto nivel arredor da cultura xacobea, tal como sinala o Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago. Unha investigación que está na base dun dos valores esenciais da peregrinación: a súa historicidade. O obxectivo último da revista é o de garantir o futuro das investigacións xacobeas, alicerce fundamental da súa actual revitalización.

Especialistas nacionais e internacionais

A revista está a cargo do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, órgano asesor da Xunta de Galicia neste ámbito desde hai vinte e cinco anos. Este Comité está integrado na actualidade polos máis representativos especialistas nacionais e internacionais no Camiño de Santiago e continúa prestando o seu valioso servizo de asesoramento.

O Comité está presidido polo profesor Paolo Caucci von Saucken (Università degli Studi di Perugia, Italia) e integrado polos seguintes membros: Maria José Azevedo Santos (Universidade de Coimbra, Portugal), Simon Barton (University of Central Florida, Estados Unidos), Manuel Antonio Castiñeiras González (Universitat Autònoma de Barcelona), Klaus Herbers (Universität Erlangen–Nürnberg, Alemaña), Fernando López Alsina (Universidade de Santiago de Compostela), Segundo Pérez López (Catedral de Santiago de Compostela) e Adeline Rucquoi (Centre de Recherches Historiques, CNRS-EHESS, Francia).

No pasado mes de agosto faleceu o profesor Robert Plötz (Universität Würzburg, Alemaña) que integraba este Comité de Expertos desde a súa fundación cunha rica traxectoria como investigador, peregrino e animador do asociacionismo xacobeo no país xermano.

Os contidos de Ad limina agrúpanse ao redor de dous eixes: Santiago e a civilización da peregrinación en xeral. A revista propicia a publicación dos estudos que tradicionalmente tiveron cabida na maior parte das publicacións científicas xacobeas, particularmente as investigacións sobre antropoloxía, arqueoloxía, arte, xeografía, historia, iconografía, literatura ou liturxia, pero tamén se tenta promover a presenza de campos menos frecuentados como a medicina, a lexislación, o paisaxismo ou o medio ambiente, temas que se foron sumando nos últimos anos. A través da difusión e cobertura dos diversos eidos enunciados, a publicación trata de fomentar a investigación xacobea no maior número de áreas posible, cunha especial sensibilidade cara ás novas liñas de investigación.

 

Control da calidade e traballos inéditos

Ao estrito control da calidade e carácter inédito dos traballos presentados en Ad Limina, súmase o respecto a outras normas fixadas polos organismos científicos competentes para asegurar o rigor e mérito das publicacións científicas: a publicación de resumos ou abstracts e listaxes de palabras clave en lingua inglesa, a creación dun portal en rede da revista, así como o denominado double-blind peer review (lectura a dobre cego). Deste xeito, Ad limina asume o compromiso de acatar e adoptar as normas internacionais para a valoración e indexación das publicacións científicas, co obxectivo de corresponder a un ulterior control de calidade que garante estar presente nalgún dos principais índices de impacto. A revista conta cunha versión electrónica á que se pode acceder desde a web caminodesantiago.gal.

 

Ad limina conta cun Consello Editorial conformado polo seu director, o profesor Paulo Caucci von Saucken, e o seu coordinador, o tamén profesor Manuel Castiñeiras González, así como un Consello de Redacción constituído polos restantes membros do Comité. Posúe ademais un amplo Consello Científico con recoñecidos especialistas de diversas nacionalidades ao que se suma un amplo grupo de avaliadores científicos externos ou referee.

 

 

 

Arriba