08 ago 2017

Feijóo inaugura o novo albergue da Fonsagrada, que xa presta servizo

O presidente da Xunta definiu as instalacións como as mellores da rede pública galega e valorou o aproveitamento da arquitectura tradicional para alternativas que xeren riqueza

 

A FONSAGRADA. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, inagurou o novo albergue da Fonsagrada, situado na coñecida como Casa Pasarín, que desde as 13:00 horas de onte permite xa a entrada de peregrinos.

Feijóo indicou que estas novas instalacións son "o mellor albergue da rede pública" galega e que a súa construción contribúe a mellora das dotacións da ruta primitiva.

As instalacións levan o nome do antigo sacerdote da Fonsagrada, Ramón Rodríguez Modelos, finado a principios deste ano e que, en vida, adicou numerosos esforzos á posta en valor do Camiño Primitivo e da propia Fonsagrada.

O presidente aproveitou a ocasión para realizar unha visita polo aloxamento acompañado polo alcalde fonsagradino, Argelio Fernández Queipo, a directora de Turismo de Galicia. Nava Castro; o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo; polo delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e polo bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco.

Núñez Feijóo salientou que a inauguración deste novo albergue significa un "importante impulso" para a zona por "tres razóns". "A recuperación dunha casa da veciñanza, o aumento da capacidade de acollida a peregrinos e a posta en valor da arquitectura tradicional", recalcando neste punto que "antes que construír casas novas, o mellor é rehabilitar as vellas".

A apertura das novas instalacións significa, segundo Feijóo, a apertura "da cas a calquera persoa de calquera parte do mundo".

O presidente fixo fincapé na importancia das rutas de peregrinaxe alternativas como o Camiño Primitivo, que o ano pasado acadou os 12.100 peregrinos e, no que levamos de 2017, xa contabilizou en torno aos 6.500. Estes números, sumados aos do Camiño Norte e ao turismo da zona en xeral, leva a Feijóo a afirmar que Galicia "non só é Santiago e a costa", senón que "o turismo en Galicia tamén é A Montaña".

Feijóo quixo enaltecer, ademais, as razóns polas que a xente visita a nosa terra, "un turismo tranquilo", dedicado ao descanso, a paixón pola gastronomía e pola historia. Neste punto, en alusión á polémica catalana, salientou que "Galicia si quere turistas".

As obras para a rehabilitación da Casa Pasarín, declarada Ben de Interese Cultural, contaron cun investimento de máis de 600.000 euros por parte da Xunta de Galicia. A reforma tentou "mesturar a arquitectura tradicional coa modernidade", tal e como destacou o alcalde da Fonsagrada. Argelio Fernández.

O novo albergue ten capacidade para a construción no futuro dunha oficina do peregrino no seu interior, con vistas a que remate por converteres, máis adiante, na oficina de turismo da comarca.

A rehabilitación da casa, e posterior posta en marcha do albergue, era unha reclamación histórica da veciñanza desde antes incluso de que o Goberno autonómico de Emilio Pérez Touriño adquirira a propiedade, no ano 2009, para ubicar o albergue, xa que ata o momento só existía o situado en Padrón e hai tempo que se quedou pequeno para atender a demanda dos peregrinos.

Reformas Mestura de tradición e modernidade

A rehabilitación do albergue, no que poderán descansar ata 42 peregrinos, tivo como obxectivo o mantemento de elementos tradicionais da edificación, mesturándoos cunha serie de modificacións máis cercanas á arquitectura actual e necesarias para prestar o servizo ao que está destinado.

Melloras

Entre as reformas levadas a cabo, uniformáronse os niveis das plantas baixa e primeira. Mellorouse a iluminación no interior do edificio e a ventilación dos patios interiores. Substituíuse parte da fachada oeste e reemprazouse un anaco da fronte sur por unha galería. Restauráronse tamén os elementos arquitectónicos, como a galería principal, e as pinturas murais da edificación,. E construíronse no interior tres dormitorios.

O alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, afirmou que, no futuro, se levarán a cabo melloras nos accesos exteriores como, por exemplo, a pavimentación das vías públicas.

Accesibilidade

Estas novas instalacións son accesibles para persoas con mobilidade reducida e contan na planta baixa cun dormitorio adaptado a elas.

Noticia extraída do Diario El progreso (martes 8 de agosto de 2017).

Feder

 
Arriba