26 feb 2018

Turismo de Galicia presenta a oferta turística galega en Navarra e os recursos ornitolóxicos en Estremadura

 O departamento de Turismo da Xunta difundiu os valores turísticos da ornitoloxía galega na XII edición do certame FIO que se celebra en Monfragüe-Cáceres

 
Ademais, a feira Navartur de Pamplona acolleu a presentación do destino Galicia 
 
Recinto de Galicia en Navartur.

 O labor de promoción de Turismo de Galicia levou a oferta turística galega xeral e a ornitolóxica en particular ás feiras Navartur, de Pamplona, e FIO, que se celebrou na provincia de Cáceres, respectivamente.

Turismo de Galicia promoveu o noso destino en Navartur, un certame turístico que se desenvolveu na capital navarra dedicado tanto a profesionais como ao público xeral. Pola afluencia de público, Navartur é a principal cita turística de Navarra, e ademais da área de exposición, conta con distintas actividades divulgativas relacionadas co Turismo.

Nesta ocasión, o departamento de Turismo da Xunta participou cun stand de 48 metros cadrados que difundiu a oferta turística galega e o Camiño de Santiago, un dos produtos máis demandados nesta feira ao ser esta unha comunidade de paso da Ruta xacobea.

Turismo ornitolóxico

Por outra parte, A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, participou por oitavo ano consecutivo na Feira Internacional de Ornitoloxía, FIO, o certame do Turismo ornitolóxico máis importante de España, que se celebrpu no Parque nacional de Monfragüe.

Turismo de Galicia instalou un stand modular no que os visitantes e profesionais que se achegaron ata o Parque Nacional de Monfragüe, puideron coñecer os 61 espazos de alto interese ornitolóxico identificados en Galicia e distribuídos por toda a súa xeografía. Estes espazos están clasificados segundo os hábitats, e deste xeito podemos atopar zonas de litoral e mar aberto; áreas agrosilvopastorís; canóns e vales fluviais, áreas montañosas e boscosas; humedais interiores e contornas urbanas.

Especial protagonismo tiveron as 10 áreas identificadas como o mellor das zonas de alto interese ornitolóxico, que son: Estaca de Bares e O Barqueiro; Ría de Ortigueira e Ladrido; Costa das Morte; Complexo Ons-O Grove; Humedais da Terra Chá; Montes de Cervantes (Os Ancares); Ribeira Sacra Sur (Canón do Sil), Serra da Enciña da Lastra; A Limia; Oímbra, Monterrei e Verín.

 

Organizado pola Junta de Extremadura, o certame FIO está considerado como o máis importante do seu xénero no sur de Europa e constitúe unha cita obrigada para todos os especialistas e afeccionados á ornitoloxía en España. 

 

 

Arriba