05 mar 2018

Turismo de Galicia reforza o papel da Ruta da Lamprea como reclamo turístico do interior de Galicia durante o inverno

 A directora de Turismo visitou o resultado das obras de mellora levadas a cabo nas pesqueiras do concello de Crecente, impulsadas por Turismo de Galicia e que potencian o turismo de natureza, enogastronómico e cultural nesta zona

Os traballos son o resultado da aposta do Goberno galego por facer de Galicia un destino diversificado, para o que axuda aos concellos de toda a xeografía galega a ofrecer atractivas experiencias turísticas poñendo en valor os seus recursos

 

Nava Castro visitou o Concello de Crecente.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do alcalde do concello pontevedrés de Crecente, Julio C. García-Luengo, visitou  o resultado das obras de mellora e acondicionamento das pesqueiras deste municipio. Os traballos reforzan o papel da Ruta da Lamprea como un reclamo cada vez máis importante para impulsar o desenvolvemento turístico do interior de Galicia especialmente no inverno e primavera, coincidindo coa tempada de pesca deste peixe.

Os traballos levados a cabo enmárcase no obxectivo de Turismo de Galicia por facer da Comunidade un destino diversificado, capaz de ofrecer atractivos turísticos en toda a xeografía galega que actúen, ademais, como dinamizadores económicos das comarcas nas que se desenvolven. Para iso, reforza a súa aposta por axudar aos concellos a poñer en valor os seus recursos a través de convenios de colaboración, como é o caso, ou mediante as liñas anuais de subvencións tanto para concellos e entidades locais como para o sector e que globalmente teñen un investimento de máis de cinco millóns de euros neste 2018.

O Concello de Crecente sitúase ao inicio da Ruta da Lamprea do Baixo Miño, un itinerario que se espalla ao longo de 25 quilómetros pola ribeira deste río ata Salvaterra de Miño e a través do que se poden ver as tradicionais pesqueiras, as estruturas ancestrais coas que se pesca artesanalmente este peixe e polas que Turismo de Galicia leva tempo facendo unha férrea aposta nos últimos anos. A intención é garantir a súa conservación a través do seu impulso turístico e convertelas nun reclamo para o interior da provincia de Pontevedra.

As melloras nas pesqueiras e nas beiras do Miño ao seu paso por Crecente supoñen particularmente un impulso para o desenvolvemento do turismo cultural, de natureza e enogastronómico tomando como fío condutor a cultura que rodea á lamprea e a súas artes de pesca. A Ruta da Lamprea brinda a oportunidade de coñecer esta especie tan singular, ademais de nesta parte do Baixo Miño, tamén no río Tambre e no río Ulla, atravesando no seu conxunto un total de 18 concellos da Comunidade.

Varias convocatorias abertas

Dentro do obxectivo de Turismo de Galicia por cooperar cos concellos, mantén abertas varias liñas de axudas como as destinadas ao apoio á promoción e difusión das festas de Interese Turístico de Galicia, ata o 2 de marzo, e para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos concellos declarados municipios turísticos de Galicia, ata mañá mércores 28 de febreiro. Ata ese mesmo día pódense presentar tamén candidaturas aos Premios Camiño de Santiago, dirixidos a entidades locais, asociacións xacobeas, pemes, centros de ensinanza básica e investigadores.

E ata o 2 de abril pódense presentar candidaturas para a segunda edición dos Premios Galicia Parabéns, tamén dirixidos aos concellos en recoñecemento ás súas iniciativas e proxectos de mellora, conservación e embelecemento das súas paisaxes e os seus núcleos de poboación e que na primeira edición recaeron en Portomarín e Boqueixón.

Todas estas liñas de axudas permiten dar continuidade a programas de grande éxito en convocatorias pasadas ou crear outros novos para continuar avanzando cara os obxectivos plasmados na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego que traballa para consolidar Galicia como un destino de calidade, sustentable, responsable, desestacionalizado, diversificado e accesible.

 

 

 

Arriba