12 mar 2018

Turismo de Galicia presentou a oferta turística da comunidade e os seus recursos ornitolóxicos no País Vasco e Andalucía

A Xunta participou nos certames Sevatur de San Sebastián e Doñana Birdfair como parte do seu calendario anual de promoción

Recinto de Galicia na feira Sevatur.

 O labor de promoción de Turismo de Galicia levou a oferta turística galega ao País Vasco, a través do certame Sevatur, que se celebrou na cidade de San Sebastián. Ademais, este departamento da Xunta promoveu os recursos ornitolóxicos na feira Doñana Birdfair, que se celebrou na localidade andaluza de Puebla del Río.

A Comunidade galega volveu estar presente no Salón da Evasión e do Turismo, Sevatur, unha feira que ese ano celebrou a súa XVI edición, dirixida tanto a profesionais como ao público en xeral e que conta con gran afluencia de persoas interesadas nas viaxes interiores.
 
Sevatur é, xunto a Expovacaciones de Bilbao, o certame turístico máis importante dos que se celebran anualmente no País Vasco e, nesta ocasión, Turismo de Galicia participou tamén cun expositor de deseño de 36 metros cadrados co obxecto de difundir a oferta, os produtos e os recursos turísticos da Comunidade entre un dos públicos españois máis viaxeiros.
 
Polo que respecta á oferta turística, Turismo de Galicia incidíu especialmente nos produtos e servizos relacionados coa natureza e a cultura, con especial fincapé no Camiño de Santiago.
 
Por outra banda, o departamento de Turismo da Xunta presentou a oferta relacionada coa gastronomía e o enoturismo, nun dos mercados con máis tradición gastronómica de España.
 
Paisaxe e identidade cultural
Ademais, Turismo de Galicia participou este ano por vez primeira no certame especializado en turismo ornitolóxico Doñana Birdfair, ao obxecto de reforzar a promoción deste produto e do turismo de natureza en xeral, principal motivación pola que os turistas elixen visitarnos.
 
Esta feira celebróuse na Reserva Natural de la Dehesa de Abajo, en Puebla del Río, Doñana. Os seus visitantes adoitan buscar destinos tranquilos, non masificados, para descubrir novas paisaxes, gozar da identidade cultural do destino e da enogastronomía, todo isto conxugado coa posibilidade de combinalo con experiencias de turismo ornitolóxico.
 
A participación da Xunta de Galicia realizouse a través dun recinto de nove metros cadrados, presentándose como unha das mellores propostas de turismo de natureza do Estado.
 
 
Arriba