23 xul 2018

A Xunta subliña a importancia que a cociña en pequeno formato terá no futuro Plan de turismo enogastronómico de Galicia

 O certame, organizado por Turismo de Galicia, reuniu aos chefs gañadores dos concursos de tapas celebrados nas sete cidades galegas, de entre os que se escolleu ao Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia 2018 e se deu o Premio do Xurado Popular que resultou ser Rubén González Vallejo, de Pontevedra

 
Rosa Quintana destacou que ‘De tapas por Galicia’ permite coñecer de preto o talento galego e as novas tendencias culinarias e é un escaparate da riqueza gastronómica de Galicia
 
Nava Castro recordou o papel estratéxico que ocupa a enogastronomía no modelo turístico galego ao contribuír a desestacionalizar e permitir complementar experiencias de turismo urbano, rural, patrimonial e cultural, entre outros
 
Case tres de cada dez turistas elixen xa os recursos culinarios galegos como principal motivo para viaxar a Galicia, só por detrás da natureza e paisaxe galegos
 
Nava Castro, na Gala De tapas por Galicia.

 A combinación do turismo urbano e do enogastronómico estase a consolidar como un elemento clave para a desestacionalización do destino Galicia e a cociña en pequeno formato está a ser cada vez unha opción máis valorada en calquera época do ano polo que terá un papel estratéxico no futuro Plan de Turismo Enogastronómico no que a Xunta está a traballar.

Así quedou de manifesto no transcurso da IV Gala Show Cooking De Tapas por Galicia, o evento de cociña en directo organizado por Turismo de Galicia que reuniu aos chefs gañadores dos concursos de tapas celebrados nas sete cidades galegas en 2017, de entre os que se escolleu ao Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia 2018 e o público asistente outorgou tamén o Premio do Xurado Popular. No acto estiveron presentes a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que pechou a gala; a directora de Turismo, Nava Castro, encargada de inaugurala e da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou que De tapas por Galicia permite coñecer de preto o talento galego e as novas tendencias culinarias e é un escaparate da riqueza gastronómica de Galicia. Neste sentido, puxo de relevo que a gastronomía de produto é un motivo de orgullo para os galegos e as galegas e que catar e coñecer a creatividade galega nos pratos de pequeno formato é un motivo de sedución para os visitantes.

En canto ao tapeo en Galicia, a titular de Mar indicou que aposta por potenciar as singularidades identitarias galegas e que combina á perfección os sabores tradicionais e as novas elaboracións. Ademais, engadiu, representa que a imaxinación, a creatividade e a innovación.

Pola súa banda, Nava Castro salientou o crecente papel da enogastronomía na estratexia turística galega ao ser protagonista de varias das experiencias deseñadas pola Xunta como Viños e Camelias, a Ruta da Lamprea, as Rutas dos Viños ou o Outono Gastronómico, entre outras, que permiten desestacionalizar e complementar experiencias de turismo urbano, rural ou cultural.Tamén puxo en valor o gran potencial de Galicia neste eido, representado nas súas máis de 300 festas gastronómicas, cinco delas co recoñecemento de Interese Turístico Nacional, así como os 11 restaurantes Estrella Michelín ou os 37 Soles Repsol.

Cociña tradicional e de vangarda

A responsable de Turismo da Xunta referiuse ao comportamento turístico dos últimos anos, no que a Comunidade medra en calidade acadando, por exemplo, que nos cinco primeiros meses do ano a estadía media en Galicia medrase por riba da media española. “Os viaxeiros quedan xa máis días con nós e a enogastronomía está a ter moitísimo que ver. Case tres de cada dez turistas indican que é esta a súa principal motivación para coñecer o noso destino e por iso estamos a traballar para poñela en valor”, explicou.

Neste sentido, e enmarcado na Estratexia do Turismo 2020, a Xunta traballa no deseño do futuro Plan de Turismo Enogastronómico Esta nova folla de ruta porá énfase no vínculo da gastronomía co resto de elementos diferenciadores do turismo da Comunidade galega. Neste senso, avanzou que terán cabida tanto a cociña de vangarda como a máis tradicional, impulsando a competitividade do sector primario.

A IV edición da Gala Show Cooking De tapas por Galicia contou coa participación de Alejandro Martínez Bacelo (Café Vanessa, Ferrol); Sergio Musso e Francisco Chicón (Ecléctic, A Coruña); Álvaro Pérez Blanco (ArteSana Gastrobar, Santiago de Compostela); Rubén González Vallejo (El Cafetín, Pontevedra); Rafael Pérez Iglesias (La Carpintería, Vigo); Bianca Coura, Gerson Iglesias e Pablo Domínguez Veloso (A Adega das Caldas, Ourense); e Alejandro Méndez Lázare (Os Cachivaches, Lugo). 

 
Arriba