Cultura e Turismo presentou a oferta turística galega e divulgou o Camiño do norte no País Vasco a través da feira Sevatur
A Xunta participou neste certame que se celebrou en Irún
Con máis de 15.000 pernoitas, o mercado emisor vasco medrou un 2,2% nos dos primeiros meses do ano neste ámbito segundo o INE
O labor de promoción da Consellería de Cultura e Turismo levou a pasada fin de semana a oferta turística galega ao País Vasco, a través do certame Sevatur, que se celebrou na vila guipuscoana de Irún, poboación pola que pasa o Camiño do Norte, ruta que tivo unha especial proxección nesta feira.
A Comunidade galega volveu estar presente no Salón da Evasión e do Turismo, Sevatur, unha feira que ese ano celebrou a súa XVII edición, dedicada tanto aos profesionais do turismo como ao público final e que contoucon gran afluencia de persoas interesadas nas viaxes interiores.
Sevatur é, xunto a Expovacaciones de Bilbao, o certame turístico máis importante dos que se celebran anualmente no País Vasco e nesta ocasión, Turismo de Galicia participou tamén cun stand de deseño de 36 metros cadrados co obxecto de difundir a oferta, os produtos e os recursos turísticos de Galicia entre un dos públicos españois máis viaxeiros.
Produtos e servizos
Polo que respecta á oferta turística galega, Turismo de Galicia incidiu especialmente nos produtos e servizos turísticos relacionados coa natureza e a cultura, con especial fincapé no Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021. Por outra parte, o departamento de Turismo da Xunta presentaou a oferta galega relacionada coa gastronomía e o enoturismo, nun dos mercados con máis tradición de España.
Demanda
No eido da demanda turística e segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE) o mercado vasco medra un 2,2% con 15.000 pernoitas nos dous primeiros meses do ano, en relación ao mesmo período do ano anterior.
Por outra parte, o pasado ano 2018, Galicia recibiu 133.331 viaxeiros vascos que se aloxaron en establecementos turísticos galegos cunha estadía media que medrou un 4,3% en relación ao mesmo período do ano anterior.