02 xan 2019

As casas de turismo rural experimentan un crecemento de viaxeiros de preto do 14% durante o mes de novembro

Os establecementos extrahoteleiros de Galicia rexistran un bo resultado na recta final do ano, con incrementos tanto na súa demanda como na ocupación
 
Os datos difundidos polo INE avalan a aposta da Xunta e o sector tanto a través de campañas de promoción como coa creación de novos produtos e experiencias

  

Os establecementos de turismo rural de Galicia experimentaron unha notable evolución durante o mes de novembro, cun aumento no número de viaxeiros do 13,6%. Esta marca supón un novo avance na potenciación deste tipo de segmento turístico, de especial relevancia para o turismo de interior na Comunidade.

Ademais, confirma o rendemento das campañas promocionais así como das experiencias e os produtos impulsados pola Xunta e o sector nesa época, como Outono Gastronómico no Turismo Rural ou o Catálogo de Produtos de Turismo Rural de Galicia – Outono 2018, froito da colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Clúster Turismo de Galicia.

Máis aló da suba de viaxeiros aloxados, as casas de turismo rural tamén viron incrementada a súa demanda, cun 12% máis de noites, o que permite elevar a súa ocupación un 1%, tal e como amosan os datos difundidos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Grazas a esta mellora, os establecementos extrahoteleiros da Comunidade galega acadaron no decimo primeiro mes do ano un 7% máis de turistas e un 1% máis de pernoitas.

A este balance súmase o obtido polos hoteis, con aumentos do 8,3% na súa demanda durante o mes de novembro, afondando así na desestacionalización, un dos obxectivos fixados pola Administración autonómica e o sector na Estratexia do Turismo de Galicia 2020.

7,7% máis de estadía media

En conxunto, os establecementos regrados de Galicia deron pasos salientables noutra serie de variables como a estadía media, cun 7,7% máis ata a cifra máis elevada en seis anos, mentres no conxunto do Estado caeu un 3,3%. Así mesmo, a ocupación medrou un 2,2% con comportamentos positivos en hoteis, pensións, casas de turismo rural ou cámpings.

En total, o número de noites nos aloxamentos turísticos superou as 527.000, o que sitúa a Galicia como a sétima comunidade –só por detrás dos principais destinos do conxunto do país– e a primeira entre as rexións do norte peninsular agrupadas na marca España Verde.

 

Arriba