04 feb 2019

Román Rodríguez impulsa a proxección exterior da música e o turismo de Galicia no festival Celtic Connections de Glasgow

 O conselleiro presidiu a delegación galega que ofreceu unha recepción musical e gastronómica aos máis de 200 axentes acreditados no ‘Showcase Scotland’

 
Anxo Lorenzo, Tanxugueiras, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Talabarte e Banda das Crechas actuaron como parte da selección que paritipou no evento desde o 17 de xaneiro xunto con Sondeseu, Mercedes Peón e Mónica de Nut
 
A oferta da Comunidade tamén estivo moi presente grazas ao workshop organizado co Clúster Turismo de Galicia e no que participaron medio centenar de profesionais de empresas de ambos territorios, que analizaron novas posibilidades de negocio
 
Reino Unido é o sexto mercado estranxeiro con maior peso en Galicia, pois en 2018 superou os 65.000 viaxeiros cun incremento do 58% durante o último lustro
 
Román Rodríguez, en Escocia.

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu  en Glasgow a recepción que a música e o turismo de Galicia lles ofreceu aos máis de 200 axentes especializados acreditados no apartado profesional de Celtic Connections, un dos festivais máis relevantes da temporada de inverno a nivel mundial e o máis destacado no ámbito dos sons celtas.

Nun acto celebrado na emblemática destilería Drygate, e dentro do programa específico Showcase Scotland, soaron as interpretacións en vivo de Anxo Lorenzo, Xabier Díaz, Tanxugueiras, Talabarte e Banda das Crechas, ao tempo que se degustaron produtos e elaboracións típicas da gastronomía galega e se mantiveron, en paralelo, encontros bilaterais entre operadores turísticos galegos e escoceses.

Acompañado por Donald Shaw, director artístico de Celtic Connections, e diante de xestores culturais internacionais, axentes de vendas, responsables de festivais, selos discográficos, managers e medios de comunicación dunha vintena de países, Román Rodríguez sinalou que, no mundo global actual, a música xoga un papel esencial para o noso desenvolvemento social, económico e turístico. “Ofrece experiencias únicas, une, fomenta a comunicación, a tolerancia e unha sa interdependencia”, asegurou.

A música como punto de encontro

O conselleiro de Cultura e Turismo referiuse tamén á importancia da música como punto de encontro e destacou a oportunidade de promoción que os artistas galegos e toda a nosa cultura poden atopar a través do festival de Glasgow.

Este é precisamente o obxectivo da presenza coordinada do tándem música-turismo que a Xunta desenvolveu este ano durante as tres semanas de celebración de Celtic Connections. Ademais dos concertos dos devanditos artistas sumáronse estes días á carteleira o recital inaugural de Sondeseu e os de Mercedes Peón e de Mónica de Nut Raíces Aéreas. As bandas e solistas seleccionados interpretaron a súa música en boa parte dos 20 escenarios do festival —nos que en varios casos se esgotaron as localidades desde varios días antes dos concertos— e a Consellería levou a cabo unha campaña de difusión coa marca compartida co sector Galician Tunes On Tour, baixo a que se instalou un expositor, se editou un CD especial para a ocasión e se distribuíron distintos materiais de promoción.

Sexto mercado máis importante

No marco do festival, tamén se celebrou unha xornada de traballo entre medio centenar de profesionais do turismo galegos e escoceses de empresas de ambas rexións. Trátase do workshop Experience Galicia, unha acción piloto posta en marcha en colaboración co Clúster Turismo de Galicia que permitiu que empresas turísticas galegas establecesen contacto e presentasen os seus produtos a unha selección de operadores escoceses coa intención de promover e difundir a oferta turística de Galicia neste mercado.

Román Rodríguez participou tamén nesta xuntanza de traballo entre os profesionais turísticos galegos e escoceses, ante quen salientou a relevancia que o mercado británico ten para Galicia. En concreto, Reino Unido é o sexto mercado estranxeiro con maior presenza no turismo da Comunidade. En 2018, máis de 65.000 viaxeiros procedentes de dito país achegáronse á Galicia, o que supón un incremento do 58% desde o ano 2012.

Empresas galegas participantes

En concreto, nesta estratéxica misión comercial participaron representantes do Clúster Turismo de Galicia, co seu presidente, Cesáreo González Pardal, Pilgrim Travel, Rutas Meigas, Tee Travel, Galiwonders, Interrías, Simply Galicia, Vioviajes Viajes Viloria / Galicia Incoming, Celtic Spain Golf & Wellness, Hotel Carlos I, Gran Talaso Hotel Sanxenxo e Hotel Blue Coruña. Así mesmo, do lado escocés asistiron Burnside Travel, Birse Travel, Flight Centre, Kenneth McLeod Travel, Rubyblue Travel, Thorne Travel, Trailfinders, Travel Actually, Travel Counsellors, V. Travel, Macs Adventure, Walk the Camino e SPAA, ademais da Oficina Española de Turismo en Londres, co seu director Javier Piñanes.

Román Rodríguez puxo en valor os recursos galegos e o traballo para mellorar de xeito permanente a oferta e as distintas infraestruturas, con actuacións como o novo Plan MAT de mellora de aloxamentos turísticos, para seguir configurando un destino de maior calidade que aposta pola excelencia.

Xuntanza coas autoridades escocesas

Xunto á riqueza e variedade do patrimonio cultural e natural galego, o conselleiro fixo fincapé no intercambio que, desde a Idade Media e a través do Atlántico, xerou o Camiño de Santiago entre as cidades portuarias galegas e numerosos puntos do continente europeo, entre elas o propio Reino Unido, dando lugar ao itinerario coñecido como Camiño Inglés. Ao respecto, coa vontade de darlle continuidade a esta relación, Román Rodríguez reuniuse coa ministra de Cultura, Turismo e Asuntos Exteriores de Escocia, Fiona Hyslop.

A xornada do pasado domingo, que concentrou especialmente o protagonismo de Galicia na actual 26ª edición de Celtic Connections, rematou co evento Galicia Fiesta! organizado polo propio festival e no que actuarán Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e outros músicos convidados.

 

Arriba