25 feb 2019

A Xunta salienta a contribución da Festa da filloa de Lestedo para impulsar o turismo gastronómico en Galicia

 A directora de Turismo de Galicia e o delegado territorial na Coruña participaron esta mañá na presentación desta celebración, que terá lugar o 10 de marzo

Destacaron o peso que festividades como esta terán nos próximos anos no modelo turístico galego da man do plan ‘Galicia Sabe', a nova folla de ruta nesta materia
 
Presentación da Festa da filloa.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participaron  na presentación da XXXVI Festa da Filloa de Lestedo, onde salientaron a súa contribución para impulsar o turismo gastronómico na Comunidade galega. Ademais, puxeron de manifesto o acerto de recuperar para esta festa ritos e tradicións dos entroidos galegos como os Xenerais da Ulla.

Durante a presentación, Nava Castro salientou a importancia que festividades como esta terán durante os próximos anos no modelo turístico galego. Será dentro de Galicia Sabe, a nova estratexia de turismo enogastronómico impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo. Nela terán cabida tanto a cociña de vangarda como a máis tradicional, que ten un dos seus máximos expoñentes nas máis de 300 festas gastronómicas galegas como á da Filloa de Lestedo. “Son un patrimonio inmaterial galego de inigualable valor. Temos que preservalas e tamén compartilas co resto dos galegos e con todos os visitantes que decidan vir a coñecelas”, indicou Nava Castro.
 
Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, falou tamén en calidade de veciño da parroquia de Lestedo agradecendo o “entusiasmo e traballo” das persoas que cada ano participan nas celebracións. “Conseguistes, con esforzo, constancia e dedicación, que a nosa filloa se teña convertido nun referente do Entroido galego”, explicou Rodeiro. Neste sentido, púxose de manifesto a importancia de ter recuperado hai uns anos para a Festa da Filloa a tradición dos atranques e desfiles dos Xenerais da Ulla, un dos entroidos máis singulares de Galicia. Unha recuperación que coincide, ademais, coa aposta da Xunta pola promoción dos Entroidos tradicionais galegos.
 
Perfecto binomio cos Entroidos
Ambas celebracións forman un binomio perfecto e son dúas das das 120 festas de Interese Turístico de Galicia coas que conta a nosa Comunidade e polas que o Goberno autonómico aposta de xeito decidido. A Estratexia do Turismo de Galicia 2020 dedica ao completo unha das súas once liñas a potenciar os valores que singularizan a Galicia como destino a través dunha actividade que os protexa e impulse permitindo aos turistas integrarse coa cultura, tradición e gastronomía. Ademais, o apoio á promoción e difusión das festas de Interese Turístico é un dos compromisos da Consellería de Cultura e Turismo.
 
Arriba