17 ago 2021

Entregada a Compostela 70.000 que certifica a recuperación do Camiño de Santiago

 Cunha media de máis dun milleiro de compostelas seladas ao día, as rutas xacobeas seguen recuperando camiñantes, que elixen maioritariamente o itinerario Francés

 
Nesta primeira quincena de agosto entregáronse máis certificados que en todo o mes de xuño
 
O Camiño de Santiago recupera o seus niveis de afluencia.

 O Centro Internacional de Acollida ao Peregrino selou a Compostela 70.000 no que vai de ano, confirmando así a reactivación na chegada de peregrinos á tumba do Apóstolo. Nesta primeira quincena do mes de agosto, o ritmo de chegada de peregrinos a Compostela confirmou a boa saúde do Camiño, que recibe unha media de máis dun milleiro de peregrinos ao día, que rematan a súa experiencia na Catedral para logo trasladarse ao Centro Internacional de Acollida para recoller a súa certificación. 

Neste mes de agosto xa foron máis de 16.600 os peregrinos que recolleron a súa acreditación, polo que se prevé que agosto peche con mellores cifras na chegada de peregrinos respecto ao mes de xullo, no que se selaron 34.000 Compostelas. Desde comezos de ano son máis de 70.770 os peregrinos chegados a Compostela, pero cómpre destacar que esta cifra acadouse practicamente nos últimos catro meses, xa que durante o primeiro trimestre do ano, a chegada de peregrinos foi case anecdótica por mor das restricións derivadas da pandemia.

A maior parte dos peregrinos que completan o Camiño son de orixe nacional, máis do 70% cun total de máis de 51.600 como consecuencia da situación sanitaria que aínda estamos a vivir, que restrinxe a mobilidade para os viaxeiros internacionais. Deles, as comunidades autónomas que aportan un maior número de peregrinos son Andalucía e Madrid, seguida de Galicia, Comunidade Valenciana e Cataluña. Debido á proximidade con Galicia, Portugal é outro dos destinos que máis peregrinos achega con máis de 4.200 desde comezos de ano, o que supón o 6% do total.

Grazas ao esforzos de adaptación á nova realidade xurdida da pandemia, o Camiño de Santiago estase a posicionar como unha excelente experiencia e moitos galegos e españois están a descubrir as rutas xacobeas. De feito, a maior parte dos peregrinos que chegan a Santiago valoran moi positivamente a experiencia, polo feito de que sexa en espazos abertos e ao aire libre e, sobre todo, que o Camiño sexa sanitariamente seguro.

O Francés segue sendo a ruta maioritariamente escollida polos peregrinos que camiñan a Compostela, escollida polo 55% dos peregrinos, é dicir, case 39.000. En segundo lugar sitúanse o Camiño Portugués e a súa variante pola Costa, escollidos por uns 17.000 peregrinos, a cuarta parte do total. O Inglés, o Primitivo e o do Norte completan o ránking dos itinerarios máis escollidos polas persoas que este ano camiñan a Galicia no marco da celebración deste primeiro Ano Santo. Nos tres casos supoñen practicamente o 6% cunha media de máis de 4.200 peregrinos en cada unha das tres rutas.

 
Arriba