18 xuñ 2019

A Xunta acorda co Vaticano que o seu 'Códice Calixtino' e o 'Cancioneiro da Vaticana' se exhiban por vez primeira xuntos en Galicia

 As obras expoñeranse este ano na Cidade da Cultura no marco de ‘Galicia, un relato no mundo’, a primeira gran mostra internacional do Xacobeo 21

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitou en Roma a Biblioteca Vaticana para pechar o acordo acompañado polo secretario da Congregación para os Institutos de Vida Consagrada e as Sociedades de Vida Apostólica, monseñor José Rodríguez Carballo, e o arquivista e bibliotecario da Biblioteca Apostólica Vaticana, monseñor José Tolentino de Mendonça

O ‘Liber Sancti Iacobi’ do Vaticano é un dos tres únicos códices procedentes do Calixtino de Santiago que están iluminados

O ‘Cancioneiro da Vaticana’, que se poderá ver en Galicia por primeira vez, recompila 1.200 cantigas dos máis emblemáticos nomes da tradición galaico portuguesa como o rei Afonso X, Don Dinís ou Mendiño

Román Rodríguez, no Vaticano.

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, pechou un acordo en Roma coa Biblioteca Apostólica Vaticana para exhibir, por vez primeira xuntas en Galicia, dúas pezas de alto valor simbólico para a cultura galega: o Liber Sancti Iacobi, un dos tres únicos códices calixtinos iluminados, ademais do orixinal de Santiago, que se conservan no mundo, e o Cancioneiro da Vaticana, peza imprescindible da lírica galaico-portuguesa, que será a primeira vez que se poida visitar na nosa comunidade. O conselleiro visitou esta institución acompañado polo secretario da Congregación para os Institutos de Vida Consagrada e as Sociedades de Vida Apostólica, monseñor José Rodríguez Carballo, e o arquivista e bibliotecario da Biblioteca Apostólica Vaticana, monseñor José Tolentino de Mendonça.

As obras formarán parte de Galicia, un relato no mundo, a primeira gran mostra internacional da programación do Xacobeo 21, que se inaugurará o próximo novembro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia.

O conselleiro de Cultura e Turismo adiantou que este novo proxecto, que se dará a coñecer proximamente, suporá reunir nunha exposición pezas esenciais da cultura galega, entre as que se atopan obras que viaxarán por primeira vez a Galicia grazas aos acordos de colaboración que se están a xestionar con prestixiosas institucións de Europa e América.

“Se o Pergamiño Vindel ou A derradeira leición do mestre foron dous grandes logros, esta nova exposición suporá un fito cultural moi notable”, asegurou o conselleiro, avanzando que, tras a confirmación de que o Códice Calixtino e o Cancioneiro da Vaticana viaxarán a Galicia, nas próximas semanas daranse a coñecer novas obras de excepcional relevancia que se sumarán a esta mostra. “Xuntas conformarán unha das maiores exposicións internacionais en termos de recuperación de pezas clave da nosa identidade cultural espalladas en diferentes lugar do mundo”, engadiu.

O Liber Sancti Iacobi do Vaticano é, xunto ao orixinal de Santiago, un dos tres únicos códices calixtinos iluminados, o que permite observar detalles gráficos perdidos no orixinal compostelano, como é o propio rostro do emperador Carlomagno.

Na Idade Media, realizáronse en Compostela diversas reproducións do Códice Calixtino co ánimo de propagar por toda Europa o culto e a peregrinación a Santiago, chegando a importantes centros de culto e intelectuais da época ao longo do continente. O propio Liber Sancti Iacobi foi escrito coa vocación de conectar Compostela e Galicia co resto de Europa, creando a lenda da aparición de Santiago ao emperador Carlomagno, a figura máis prestixiosa da Europa medieval, e a súa chegada a Compostela.

Lírica galaico-portuguesa

O Cancioneiro da Vaticana é, xunto co Cancioneiro de Ajuda e o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Portugal, un dos corpus nos que se garda a lírica galego portuguesa medieval. Trátase dunha obra cun excepcional valor simbólico para Galicia, pero tamén central na tradición literaria de Europa, xa que a lírica galego portuguesa, xunto coa poesía na lingua de oc (Occitania) e de oïl (norte de Francia), foron as primeiras expresións literarias en lingua romance do continente.

Trátase dunha colección monumental de 1.200 cantigas copiadas en Italia a finais do século XV e principios do XVI por orde do humanista italiano Angelo Colocci, copias realizadas a partir dos orixinais, hoxe desaparecidos. Nel figuran os nomes máis emblemáticos da tradición literaria galego portuguesa medieval: os reis Afonso X O Sabio, Don Dinís, Paio Gomes Chariño, Afonso Eanes do Cotón, Pero da Ponte, Meendinho ou Airas Nunes, entre moitos outros.

Reunión coa embaixadora no Vaticano

Como parte da axenda institucional, o conselleiro de Cultura e Turismo reuniuse tamén coa embaixadora de España no Vaticano, Carmen de la Peña, co obxectivo de seguir tecendo relacións internacionais no marco do Xacobeo 21. Durante a viaxe, Román Rodríguez mantivo diversos encontros de traballo co embaixador de España en Italia, Alfonso Dastis; co director do Instituto Cervantes na capital italiana, Juan Carlos Reche, e co conselleiro de Turismo español, Jorge Rafael Rubio.

 

Arriba