02 out 2019

Román Rodríguez pon en valor a presenza este ano de 186 nacionalidades no Camiño de santiago na chegada do peregrino 300.000

 O titular de Cultura e Turismo e o deán da Catedral recibiron a José Antonio Álvarez, de Valladolid, que fixo a Ruta Xacobea desde León

 
Trátase dunha cifra histórica que se acada 14 días antes que o ano pasado e coa previsión de pechar 2019 cun novo récord próximo aos 350.000
 
Recepción do peregrino número 300.000.

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, recibiron ao peregrino 300.000 deste ano, unha cifra que nesta ocasión se alcanza 14 días antes que en 2018. Trátase de José Antonio Álvarez, de Valladolid, que percorreu o Camiño Francés desde León 50 anos despois de percorrelo por primeira vez.

Durante o acto de entrega da Compostela conmemorativa, o titular de Cultura e Turismo puxo en valor as 186 nacionalidades, nove máis que o ano pasado, presentes na Ruta Xacobea e destacou o carácter internacional do Camiño que se está a consolidar “cun crecemento sustentable” que se apoia no Plan Estratéxico do Xacobeo 21, a folla de ruta para que a celebración do vindeiro Ano sexa única e nos permita poñer en valor o noso territorio e cultura.

Román Rodríguez tamén destacou que a chegada do peregrino 300.000 na data de hoxe supón “unha cifra histórica” que apunta que, de manterse esta tendencia, o ano 2019 pecharase cun novo récord. “É cedo para facer balance porque aínda queda un trimestre, pero estamos seguros de que superaremos a cifra dos 327.000 do ano pasado e que nos aproximaremos aos 350.000 peregrinos”, subliñou o titular de Cultura e Turismo. Con todo, engadiu que o importante “non é o crecemento”, senón os valores que leva asociados e a riqueza sociocultural e económica que xera.

O conselleiro lembrou o carácter internacional e descentralizado do Camiño de Santiago, que está a experimentar un incremento de peregrinos nas súas diferentes rutas, unha peregrinaxe que ademais de ser “unha fonte de orgullo, é unha fonte de riqueza a todos os niveis para os 138 concellos polos que pasan e para toda Galicia”.

 

 

Arriba