21 out 2019

Román Rodríguez salienta o papel cada vez máis relevante de Vigo como enlace do Camiño de Santiago con Portugal

 O conselleiro de Cultura e Turismo e a delegada territorial da Xunta en Vigo participaron na presentación da Federación Portuguesa dos Camiños de Santiago

 
Resaltaron a colaboración entre o Goberno galego e as institucións lusas en diversos proxectos de mellora e impulso dos distintos Camiños neste país
 
Ambos puxeron en valor o traballo das máis de 300 asociacións vencelladas ao feito Xacobeo na difusión dos valores universais deste fenómeno
 
O conselleiro de Cultura e Turismo, na súa estadía en Vigo.

 A Xunta destacou a alianza entre Galicia e Portugal para impulsar novos proxectos conxuntos no Camiño de Santiago. Durante a presentación da Federación Portuguesa dos Camiños de Santiago, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, resaltaron a colaboración entre o Goberno galego e as institucións lusas nun número crecente de proxectos de mellora, salvagarda e valorización das rutas xacobeas en ambos territorios. Neste contexto, coincidiron no papel cada vez máis relevante de Vigo como enlace do Camiño de Santiago con Portugal, que se está a reforzar na antesala do Xacobeo 21.

Román Rodríguez resaltou que desenvolver estratexias compartidas entre Galicia e Portugal é “vital” para potenciar os distintos Camiños compartidos. Neste sentido, destacou que a Federación Portuguesa dos Camiños de Santiago, formada por máis de 60 entidades entre asociacións de amigos do Camiño, concellos e institucións académicas, suporá un paso clave na promoción da Ruta Xacobea e na difusión do seu legado cultural e histórico.

Entre as accións levadas a cabo, o titular de Cultura e Turismo da Xunta resaltou o encontro mantido este ano con Pedro Siza Vieira, ministro adxunto e da Economía de Portugal, para estreitar a colaboración entre ambos gobernos de cara ao próximo Ano Santo.

Tamén puxo en valor os pasos normativos dados no país veciño para a oficialización e sinalización dos itinerarios xacobeos, un proceso no que contou desde o comezo coa complicidade da Xunta. De feito, esta liña de cooperación aberta cristalizou recentemente na constitución do Conselho Consultivo do Caminho de Santiago, un órgano constituído integramente por administracións e entidades lusas no que tamén participa a Xunta.

Máis de 85.000 peregrinos

Román Rodríguez amosouse convencido de que a nova Federación presentada hoxe en Vigo permitirá continuar dando “un gran impulso” ao Camiño Portugués, tanto interior como da costa, dous dos trazados que experimentaron un maior crecemento nos últimos anos e que achegan xa un de cada catro peregrinos. De feito, este 2019 percorreron ambos itinerarios máis de 85.000 peregrinos, cun crecemento do 63% no caso do Camiño Portugués da Costa (20.000) e dun 5,4% no caso do Camiño Portugués (65.000).

Como resaltou, este auxe non sería posible sen o traballo levado a cabo polas asociacións de amigos do Camiño de Santiago, que suman máis de 300 en países de todo o mundo e que realizan un labor fundamental ao seu paso pola provincia de Pontevedra.

 

 

Arriba